Burela 30-1-17. O Pescados Rubén Burela FS loitará este martes por gañar o billete para a final da XXVI Copa Galicia; será na casa do Ourense Envialia a partir das 20.30 horas (Os Remedios). A rivalidade directa en liga, entre a quinta praza das ourensás (28 puntos) e a cuarta das burelistas (33), porá aínda máis emoción, se cabe, para a cita irmandiña, co firme obxectivo das laranxas de bater o dono actual da Copa, despois de caer na edición pasada en semifinais. “Nós chegamos con moitas ganas de volver a disputar unha final; iremos por todas, dende xa o quentamento ata o asubío final”, proclamaba ao vento así a ilusión burelista Judith Pedreira.
“Sabemos que vai ser moi competido e moi complicado. O Ourense Envialia é o vixente campión, é un equipo moi forte, que loita por cada balón. A defensa vai ser clave para quedar co partido e para armar despois bos ataques” adiantaba a 15 laranxa, horas despois de regresar do seu periplo con Galicia Sub-21 no Campionato de Seleccións Autonómicas de Xetafe, onde tamén tivo tempo de intercambiar impresións sobre as semifinais de Copa Galicia: “Había xogadoras de equipos das dúas semifinais e falamos un pouco entre nós de que todas iamos intentar chegar á final e que xa nos veriamos as caras na gran cita”.
Judith pecha un capítulo máis da Irmandiña, despois dunha goleada fronte a Cantabria (7-4) e de sucumbir ante Madrid (1-2), resultado que afastou a Galicia da clasificación para a final. “Foi unha mágoa porque planteamos o partido dunha forma incrible; soubemos facerlle fronte a Madrid, comezamos gañando pero elas empataron con moita fortuna, nun rexeite que deu na nosa defensa. Quedámonos con todo o bo que fixemos tanto con Cantabria coma con Madrid e coas boas sensacións que deixou a Selección Galega”, reflexionaba así a burelista.
Poio-As Burgas. O outro billete para a final decidirase o mércores, no pavillón da Seca a partir das 20.15 horas, entre o Poio Pescamar FS e o Cidade das Burgas.
Comezo da segunda volta. As pupilas de Lucas e Julio Delgado volven á competición ligueira despois do descanso polo Campionato de Seleccións Autonómicas; arrancarán a segunda volta completando a semana irmandiña, de dobre visita aos Remedios. Mediranse ao Cidade das Burgas o sábado, 4 de febreiro, ás 20.00 horas, con emisión en directo de TVG2.



















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.
