Lugo, 23 de febreiro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este xoves o acordo do Grupo Provincial Socialista para “reforzar o Goberno da Deputación e levar a cabo con maiores garantías, as políticas progresistas e de futuro que merecen os veciños da nosa provincia”.
Campos Conde explicou que “acabamos de facer oficial unha reestruturación consensuada do Executivo Provincial. Manolo é membro do Grupo Provincial Socialista, un compañeiro máis, unha persoa de confianza e lealdade para este Presidente e para os seus compañeiros de Goberno, que defenderemos, con toda a súa axuda, para integrar de novo no Partido Socialista. Como mostra disto, Manuel Martínez pasa a ser Vicepresidente e responsable da área de Xestión Territorial”.
“Álvaro Santos será Deputado de Relacións Institucionais e de Goberno Interior, ademais de voceiro provincial. Fixo un traballo brillante durante todo este tempo, tanto dende o grupo, como dende o departamento de Emprego e Benestar. Por iso, estamos convencidos de que afrontará, con moito éxito, esta nova etapa, na que non só seguirá sendo a persoa que dá voz ao Grupo Provincial Socialista, senón tamén o que lla dá ao Goberno da Deputación nas súas relacións con outras institucións, entidades ou colectivos. Colaborará con Álvaro, asumindo a subdelegación de Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación, o compañeiro Miguel Ángel Sotuela”.
“Argelio Fernández Queipo, un grande Alcalde, será o responsable de Cooperación cos Concellos e Medio Ambiente. E neste punto, quero agradecer, publicamente e de xeito especial, a xenerosidade de Álvaro e Argelio”.
“Sonsoles López Izquierdo, que fixo un traballo moi bo, aínda que para moitos desapercibido dende Medio Ambiente; pasa a ser Deputada de Promoción Económica e Social, asumindo as áreas de Emprego, Benestar e Igualdade”.
“Eduardo Vidal, Deputado de Turismo e Cultura. Contará coa axuda de Pilar García Porto como subdelegada de Cultura, Patrimonio, Artesanía, Deseño e Educación. Lino Rodríguez Ónega seguirá á fronte do departamento de Medio Rural e do Mar. Mayra García Bermúdez do de Economía, Recadación e Facenda. E Pablo Rivera Capón da área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes”.
Orzamento 2017
O Presidente adiantou que, “como responsable, non só de dirixir e coordinar este Goberno Provincial reforzado, senón tamén da elaboración do Presuposto, -o proxecto máis importante desta institución e creo que para esta provincia-; que a segunda semana de marzo o levarei ao Pleno”.
“Como adiantei no Parlamento galego, os protagonistas do novo orzamento son os máis de 350.000 veciños dos 67 Concellos desta provincia. É un presuposto para todos e cada un deles, que responde ás súas necesidades”
“Incluirá un Plan Único de 20 millóns de euros, que distribuiremos (como fixemos este ano con máis de 10 millóns de euros) con criterios totalmente obxectivos nos 67 municipios da provincia”.
“Un orzamento que ascende aos case 84,8 millóns de euros, cos que incrementamos, notablemente e de xeito equitativo, as aportacións para políticas progresistas en todos os Concellos, ao tempo que reducimos os gastos en persoal e mantemos a débeda cero”.
Resolver os problemas dos cidadáns
Campos Conde comezou a súa intervención lembrando as palabras que pronunciou o día que tomou posesión como Presidente da Deputación, “pois quero, non só reiteralas, senón ratificalas”. O Presidente dixo “sempre entendín, e entendo, que a política é unha actividade social, que naceu por e para, resolver os problemas dos cidadáns. Baixo este concepto, no 2006, varios compañeiros da Pontenova, insatisfeitos coa situación do Concello, e convencidos de que se podía facer moito máis polo municipio, decidimos formar un equipo socialista, que, verdadeiramente, representase e defendese os intereses dos nosos veciños. Así o sentiron a maioría deles, que nos situaron na Alcaldía poucos meses despois, xa no 2007. A partir dese momento, hoxe mesmo, e ata que os veciños queiran; ese equipo socialista da Pontenova traballa para resolver os problemas dos nosos veciños, con moito respecto por cumprir coas expectativas depositadas en nós, con humildade e honradez”.
“Con estes mesmos valores, -co grande respecto por cumprir coas expectativas dos milleiros de lucenses que nas pasadas eleccións municipais dixeron que querían un goberno progresista nesta institución, con humildade, honradez e con toda a confianza dos meus compañeiros nesta Corporación-; asumín a Presidencia da Deputación de Lugo. Dende entón, hoxe e ata que os veciños queiran, no meu equipo de Goberno traballamos para responder ás necesidades dos máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos”.
Unión para cumprir cos veciños
“Os que me coñecen sempre din de min que son unha persoa discreta, de consenso e de unión. E non sei se teñen razón, pois creo que isto o ten que comprobar e valorar, de xeito individual, cada persoa. O que si vos podo asegurar é que dende que son Presidente da Deputación sempre busquei a máxima unión e o máximo consenso para cumprir con todos os veciños desta provincia. E que traballamos moito, probablemente en silencio, para que isto fose así; colleitando fracasos, pero tamén éxitos. O mellor exemplo disto é o Presuposto de 2016. Aprobouse tarde, pero executámolo en tempo récord. Coa liquidación feita, podo dicirvos, con certeza, que en poucos meses, conseguimos aprobar iniciativas progresistas, que buscan mellorar a calidade de vida do conxunto dos veciños desta provincia, por un valor superior aos 107 millóns de euros”.
“Isto é o que vou a seguir facendo dende a Deputación: poñer a disposición dos lucenses todos os recursos públicos desta institución, os seus recursos. Pero quero facelo con maiores garantías porque así o merecen os cidadáns desta provincia. Por este motivo, levo meses buscando unión e falando cos meus compañeiros, entre eles con Manolo”.



















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



