Cervo (Lugo), 3 de febreiro de 2017.- O voceiro do PSOE en Cervo, Francisco Mon Fernández, criticou este venres, que o Concello gaste máis de 24.000 euros en contratar un asesor para autobombo e propaganda, cando ten desatendido outros asuntos vitais para a vila, como incrementar a partida de servizos sociais ou o mantemento de infraestruturas.
O voceiro socialista fixo esta afirmación, trala celebración do pleno ordinario de febreiro, no que o PP acordou contratar a un asesor especial en materia de información. Neste punto puxo como exemplo, onde se podería inverter estes 24.000 euros. Citou as carencias en inmobles municipais como no edificio do Xulgado, do que denunciou “que chove dentro, ou a Praza do Souto, as instalacións da praia da Caosa, as pontes, ou as vías municipais, so teñen que escoitar as queixas dos veciños”, insistiu.
Na mesma sesión ordinaria, Mon Fernández criticou “o lavado de cara do Alcalde anunciando unha baixada de soldo. Xa que cobraba 39.841 euros ao ano e agora pasa a cobrar 39.060, polo tanto baixase 781 euros. O único que rebaixou o Alcalde foi a calderilla”, espetou.
Ademais o PP tamén aprobou en solitario un aumento de soldo para a Concelleira de Educación, Cultura, Xuventude e Facenda, que cobraba 11.690 euros anuais e agora pasa a cobrar 15.399, o que supón un incremento de 3.709 euros. Coas cifras na man, o voceiro socialista cualifica de “esaxerado e de despilfarro”, que un Concello coma o de Cervo, con menos de 5.000 habitantes, teña órganos de Goberno que cobren máis de 115.000 euros, e ademais contraten a un asesor”.
Sentencia terreos Museo do Mar
Noutro punto da Orde do Día deuse conta do auto do Tribunal Supremo, sobre os terreos terreos adxacentes o Museo do Mar. Mon Fernández lembrou que no pleno de decembro de 2012, onde se aprobou co voto en solitario do PP, constatouse que o Estudio de Detalle é prexudicial para o interese público, que non había retranqueo e alterábase a posible ampliación do Museo pola parte traseira.Polo tanto afirma que esta decisión “prexudicou os intereses públicos, e polo tanto para os intereses dos cervenses”. O voceiro socialista acusou ao Goberno de Cervo de Alfonso Villares de priorizar intereses privados por encima dos interese público neste asunto.