Burela, 6 de marzo de 2017. O Concello ven de asinar o contrato para a limpeza viaria coa empresa Geseco por un ano de duración, que podería prorrogarse por outro mais, segundo deu a coñecer esta tarde o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor contou que “esta mañá tivemos a oportunidade de asinar o contrato coa empresa Geseco, con sede en Vigo, para a limpeza viaria. Este é un contrato dun ano máis outro se acordamos que sexa así. Contamos que empecen a traballar o día 1 de abril, se non hai impedimentos”.
Alfredo Llano lembrou que “esta é unha empresa que saíu adxudicataria debido ás súas melloras. Vemos que é unha empresa seria que ten moi boas intencións para Burela. Penso que se vai notar perfectamente a entrada desta nova firma que se encargará da limpeza viaria, e esperemos que sexa un servizo que sexa compartido cos veciños que dalgunha maneira colaboren, e potencie a limpeza global do noso concello”.
O alcalde dixo que “Geseco é unha empresa que está comprometida nos programas medio ambientais que imos distribuír xa inmediatamente que comecen a traballar, para favorecer que as persoas que sexan usuarias do servizo colaboren co reciclado e a mellor maneira de tratar os residuos, sexan orgánicos ou non orgánicos”.
Llano subliñou que “tamén esta empresa se vai encargar da mellora do servizo de limpeza nas praias tanto de verán como agora en Semana Santa, posiblemente lle demos unha pasada para facelas atractivas para que a xente que se achegue por Burela teña oportunidade de gozar dos nosos areais”.
O rexedor burelés indicou que “se comprometen á limpeza viaria cunha mellora substancial que se vai notar posiblemente en todo o servizo. Empezamos xa pola limpeza, mellora e reposición dos colectores e limpeza tamén das beirarrúas. Esperemos que dea un resultado extraordinario cara ao futuro do noso pobo en cuestión de limpeza. Tamén hai que ter en conta que imos potenciar o punto limpo, seguiremos coa recollida de voluminosos e coa recollida selectiva de cartón”.
Alfredo Llano asegurou que “estamos todos ilusionados nesta nova andadura dun novo servizo que en principio consideramos que vai ser positivo para o Concello de Burela, aínda que nosoutros trataremos sempre de mellorar este servizo e incluso de recuperalo se é posible, nun futuro”.