Burela, 1 de marzo de 2017. O Programa de Inmigrantes da Concellería de Inmigración e Cooperación vai organizar un cursiño formativo para axudar a alcanzar un bo grado de integración aos inmigrantes residentes en Burela. Esta acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.
A edil Angélica Gómez sinala que “se trata dun Curso de Coidador/a Sociosanitario/a, que está dirixido a aquelas persoas estranxeiras que queiran aprender nocións básicas de hixiene e atención sanitaria, atención e apoio psicosocial, apoio domiciliario e alimentación, mantemento e adestramento de funcións cognitivas, autonomía persoal e relacións sociais, actividades de ocio e tempo libre, recursos e servizos comunitarios…para persoas dependentes”.
A concelleira de Inmigración e Cooperación engade que “o curso terá unha duración de 50 horas e será impartido dende o 6 ata o 28 de marzo polo Concello de Burela. Será en horario de 10 a 13 horas. Pódese solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982.58.06.09”.