Burela, 14 de marzo de 2017. O presidente da República de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca, visitará Burela o día 25 deste mes, sábado. Anunciouno hoxe o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor municipal explicou que “estamos estes días preparando a visita do presidente da República de Cabo Verde, Carlos Fonseca, que vai achegarse ao noso concello o día 25 deste mes. É unha honra contar coa presenza do presidente da república caboverdiana e fai moi ben vir aquí porque poderá atopar a un gran número de caboverdianos pois a comunidade dese país en Burela é grande, xa leva moitísimo tempo asentada aquí e forman parte dos habitantes de Burela dunha forma natural e integrada por estar convivindo aquí desde hai moito tempo”.
Alfredo Llano engadiu: “vamos procurar que esta visita sexa extensible a toda a Mancomunidade da Mariña. Vou invitar a todos os alcaldes da zona á recepción oficial de Carlos Fonseca, que vai ser seguramente o sábado 25 pola mañá. Voulles mandar unha carta de invitación aos alcaldes dos diferentes concellos da Mariña para que veñan a este acto”.
Para o alcalde “é unha honra que se siga mantendo esta boa relación entre Burela e Cabo Verde e que os responsables do goberno do país estean interesados en visitarnos significa que teñen moi en conta a cantidade de caboverdianos que hai no noso concello e desde logo que están con eles. Sempre é bo para os emigrantes e tamén para o propio país. Vamos tratar de que sexa un día histórico para os propios caboverdianos e tamén para o resto dos veciños de Burela”.