Cervo, 06 de abril de 2017.- O Concello de Cervo celebrou este mediodía unha xornada de portas abertas para dar a coñecer aos artesáns que xa amosaron o seu interese, as instalacións do futuro Centro de Artesanía de Sargadelos, que albergará o antigo edificio das Cabalerizas, recentemente reformado e acondicionado para ese fin.
Na visita estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Patrimonio, Alfredo Fernández, que, xunto aos técnicos municipais, explicaron aos presentes o proxecto “que contribuirá ao impulso de todo o Conxunto Histórico Artístico, que sumará así un atractivo máis neste enclave que aúna natureza, cultura, e unha riqueza paisaxística única en toda a contorna”.
Os artesáns que responderon á chamada, e tamén aqueles aos que lles foi imposible acudir á cita pero que xa se puxeron en contacto con Concello, amosaron a súa predisposición a instalarse en Sargadelos e desenvolver alí a súa actividade, relacionada con campos tan diversos como a alimentación ecolóxica, o traballo do coiro, a cerámica ou a bixutería artesanal, entre outros.
Segundo lles explicou Villares, “a obra contou con orzamento de 120.000 euros, procedentes da Xunta de Galicia e do propio Concello, destinados integramente á posta en marcha dun centro vivo que agardamos, entre todos, convertir en referente na Comarca”.
Os técnicos municipais comezarán xa a redactar o pregos administrativos “que estimamos que estarán listos entre abril e maio, para xa logo, e sempre en función dos prazos de publicación, licitar os espazos que albergarán os obradoiros de artesanía e que agardamos poder poñer en marcha ao longo do verán”.
Os artesáns presentes –engadiu- “xa nos trasladaron que os locais acondicionados son perfectamente aptos para o desevolvemento da súa actividade e estamos convencidos de que o seu traballo e o entorno execpcional forman un tándem perfecto que contribuirá en gran medida ao desenvolvemento económico, turístico, cultural e patrimonial do Concello de Cervo”.