Ribadeo, 6 de abril de 2017. O Concello reforzará con dúas informadoras turísticas o punto de atención da praia das Catedrais durante esta Semana Santa, desde o día 8 ata o 16 de abril. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, salienta que as reservas hostaleiras para estes días están entre o 95% e o 100% de ocupación.
A edil nacionalista anunciou que “durante esta arrancada quizais xa da tempada, non estival pero practicamente da máis forte de turismo, empezamos xa co reforzo dende a Oficina Municipal de Ribadeo.
Durante todo o ano estase a dar información turística con dúas persoas, pero entendemos que chegado este momento, e atendendo tamén á gran afluencia de visitantes que imos tendo nos últimos anos, tamén reforzaremos na praia das Catedrais con dúas informadoras turísticas durante esta Semana Santa o punto de información turística municipal”.
Ana Martínez subliñou que “aínda que é ben sabido que durante todo o ano dende o Concello de Ribadeo mantense unha oficina aberta, na Semana Santa estará aberta ininterrumpidamente dende o día 8 ata o día 16. Tamén daremos esa información turística a ese gran número de persoas que xa teñen feita a reserva a través da páxina da Xunta para visitar a praia das Catedrais. Durante os días máis fortes que son xoves, venres e sábado, o xoves e o sábado xa están a piques de 2.000 reservas, e para o venres pasase das 3.000. Polo tanto desde o Concello imos reforzar con dúas persoas a tempo completo durante toda a Semana Santa, para dar información da praia, da importancia medioambiental, das mareas ou da importancia xeolóxica, pero creo que ese punto tamén é moi importante para o resto do concello”.
Para a responsable de Turismo “dende a praia das Catedrais facilítase información do que é o concello de Ribadeo no seu conxunto. Convídase a que a xente que chega á praia das Catedrais faga extensiva a súa visita a todo o concello xa que como ben sabemos, ben vale a pena visitar Ribadeo durante todo o ano. Para nós é algo importante que a xente elixa Ribadeo dende a praia das Catedrais. Pero tamén entendemos que non soamente xa nos visitan pola praia das Catedrais. De feito onte estivemos a facer unha enquisa entre os establecementos hostaleiros, que eu creo que é outra das razóns pola que se escolle Ribadeo, pola calidade da nosa hostalería”.
Martínez indicou que “de cara á Semana Santa xa está reservado entre o 95% e o 100% para gozar destes días en Ribadeo. Creo que é un halago tamén para todo o sector hostaleiro. O seu traballo é fundamental e desde o Concello sempre queremos reforzalo con actividades e seguir a traballar desa maneira conxunta que fan de Ribadeo un dos destinos principais de Galicia e de todo o Estado”.
A edil ribadense cre que “vai ser unha Semana Santa potente e se o tempo nos acompaña creo que poderemos gozar dun gran número de visitantes no noso concello. Tamén dicir que desde os establecementos de hostalería de Ribadeo se pode acceder de xeito directo á praia das Catedrais sen ten que facer reserva previa na páxina da Xunta. Outra das boas maneiras nas que un pode visitar a praia das Catedrais é utilizando o taxi turístico. A viaxe á praia das Catedrais con ese taxi turístico danos tamén ese pase directo á praia, e creo que é unha moi boa maneira de non ter facer colas nin buscar aparcamentos”.
Ana Martínez declara que “desde o Concello seguimos traballando con catro persoas durante a Semana Santa, reforzando a posibilidade de que ninguén se vaia sen visitar e coñecer todo o concello, sen gozar, sen quedarse, sen mercar en Ribadeo porque creo que é un dos mellores destinos que un pode escoller. Non o digo eu senón que a referencia que temos durante todo o ano dun gran número de visitantes e ademais que se vai incrementando, creo que constata esta afirmación”.
Pola súa banda a concelleira de Medio Mariño, Paz Ermida, relatou que “durante a Semana Santa estarán abertos os aseos da praia das Catedrais, co mesmo sistema de cobro pola súa utilización, que serán 50 céntimos de euro”. Ermida adianta que “despois da Semana Santa estarán abertos todas as fins de semana ata xuño. Logo do 1 de xuño ao 30 de setembro estarán operativos todos os días e como novidade este ano abrirán as fins de semana ata o 1 de novembro. Contaremos para ilo con dúas persoas traballando a xornada completa e unha a media xornada”. A concelleira de Medio Mariña engadiu que “nos últimos días tamén se realizou unha posta a punto nos areais ribadenses para que se atopen nas mellores condicións posibles durante a Semana Santa”.






















A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.



