Lugo, 21 de abril de 2017. O Goberno da Deputación levará ao Pleno do vindeiro martes dúas mocións, unha instando á Xunta de Galicia a elaborar un plan de participación dos Concellos nos ingresos da administración autonómica; e outra demandando ao Goberno Central que permita aos municipios lucenses empregar o superávit. Así o avanzou este venres o vicevoceiro do Executivo Provincial, Pablo Rivera Capón.
Rivera Capón lembrou que as Deputación de Lugo, A Coruña e Pontevedra teñen plans que garanten que os fondos públicos dos organismos provincias cheguen aos veciños de todos os Concellos de xeito obxectivo e equitativo. A única que non o ten en Galicia é a de Ourense. Neste senso, destacou que “curiosamente, somos as 3 Deputacións presididas polo PSOE as que temos estes plans fronte a 1 que non o ten e que está presidida polo PP, formación política que tampouco puxo en marcha iniciativa algunha semellante dende a administración con máis recursos públicos da Comunidade: a Xunta de Galicia”.
“Cremos que é imprescindible e xusto que as administracións garantan que os fondos públicos, que son de todos os cidadáns, cheguen á totalidade de municipios para atender por igual aos veciños, goberne quen goberne nos Concellos; así como que se respecte a autonomía local, pois, dependendo de onde vivan, os veciños teñen necesidades específicas ás que atender. Por este motivo, con esta moción demandamos á Xunta de Galicia un fondo de participación dos Concellos nos ingresos da administración autonómica”, apuntou.
“É o único xeito de que os cartos públicos da Xunta cheguen por igual aos veciños de todos os Concellos, pois o PP estaos a repartir de xeito totalmente discriminatorio e arbitrario. Aos feitos públicos me remito”. O vicevoceiro referiuse ao DOG do 3 de novembro do 2016 no que Augas de Galicia distribúe máis de 11 millóns de euros entre tan só 11 dos 67 Concellos da provincia. “Sorprendentemente, 10 destes municipios están gobernados polo PP. O único de distinta cor política é A Pastoriza, que recibe unha axuda de 29.700 euros, lonxe dos 150.000 euros de Mondoñedo, 500.000 de Castro de Rei, 600.000 de Outeiro de Rei ou 800.000 de Cospeito”.
Preto de 30 millóns sen poder empregar
Rivera Capón informou tamén que o Goberno da Deputación presentará outra proposta ao Pleno do vindeiro martes para instar ao Goberno Central a que permita aos Concellos que teñan superávit empregar estes fondos. O vicevoceiro apuntou que “na provincia de Lugo hai preto de 30 millóns de euros de superávit en case unha trintena de municipios, que teñen as súas contas saneadas, pero que non pode emprego porque o PP dende o Executivo estatal non llelo permite”.
“En definitiva, o Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, marxina aos veciños de máis do 80% do territorio lugués, que se corresponde cos municipios nos que non goberna e aos que discrimina na distribución dos fondos autonómicos. A maiores, dende o Goberno Central, o PP nin tan sequera lles permite empregar os escasos recursos municipais froito do seu esforzo na xestión dos mesmos. O PP atacar claramente ao municipalismo e, polo tanto, a maior parte dos veciños da provincia”.
Dúbidas sobre o Plan Único
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres unha instrución sobre as dúbidas propostas polos Concellos ao respecto do Plan Único. Rivera Capón explicou que “se trata do documento no que recollemos todas e cada un das cuestións que os Alcaldes nos trasladaron o mércores; data na que o Presidente os convocou a todos no Pazo de San Marcos para escoitalos en primeira persoa e solucionar dúbidas xunto aos técnicos provincias”. Fíxoo porque o vindeiro 2 de maio remata o prazo para que os 67 municipios presenten os proxectos e memorias do plan. “Tendo en conta que é a primeira vez que facemos este plan, pois antes facíamos programacións individuais de cooperación cos Concellos, e agora aglutinámolas nun Plan Único; nas bases desta programación xa establecemos que, no caso de existiren dúbidas, emitiríamos un informe aclaratorio sobre as mesma”. Rivera Capón informou que este documento aprobado hoxe pola Xunta de Goberno (e que se axunta á nota de prensa) foi remitido hoxe mesmo a todos os Concellos da provincia. Cómpre subliñar tamén que os técnicos provinciais están á disposición dos mesmos para calquera dúbida puntual a maiores que lles poidan xurdir; así como que en www.deputacionlugo.gal está publicada toda a información sobre o Plan Único.






















Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



