Ribadeo, 21 de abril de 2017. A décimo segunda edición do concurso gastronómico Ribadeo de tapeo terá lugar do 13 ao 21 de maio. Participarán 52 establecementos da vila e das parroquias e serán 22 as tapas que se presenten á selección dos premios do xurado o 22 de maio no hotel restaurante Voar. O prezo das tapas será este ano de 1,50 euros, haberá tapas para celíacos e vexetarianos e volven os Cantos de Taberna o día 19, ademais dos Soños Gastronómicos e as Sobremesas Culturais. O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello pola edil de Turismo e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, e polo alcalde, Fernando Suárez.
Martínez dixo que “un ano máis o Concello de Ribadeo organiza o Ribadeo de tapeo. Na súa décimo segunda edición, este decano dos fogóns, terá lugar do 13 ao 21 de maio. Estamos diante dun dos nosos mellores escaparates gastronómicos no que 52 establecementos hostaleiros do municipio poderán ofrecer as súas exquisitas e innovadoras tapas elaboradas cos mellores produtos galegos. Unha nova entrega gastronómica, renovada e reinventada, cargada de novidades e disposta a sorprender e ilusionar a aqueles que fan da súa paixón pola gastronomía un estilo de vida”.
A edil nacionalista indicou que “esta edición é máis profesional, vangardista e innovadora, e sempre en busca da excelencia, este ano cambia o formato de selección dos premios do xurado profesional, concorrendo a este premio só os que o desexen. Para os que voluntariamente se presenten a organización convocará a mostrar nun único local a súa tapa. Esta selección celebrarase o 22 de maio no hotel restaurante o Voar, cun xurado profesional formado por cociñeiros/as e expertos/as gastronómicos de renome entre os que se inclúen: Carlos Maribona, xornalista dende fai 44 anos e crítico gastronómico dende fai 25, leva doce anos co seu blogue Salsa de Chiles. É columnista tamén en XL Semanal, profesor de Universidade e premio Nacional de Gastronomía entre outros moitos galardóns. Tamén estará con nós José Antonio Campoviejo, responsable del El Corral del Indianu, un dos sete restaurantes asturianos con Estrela Michelin, e un dos grandes valores da cociña asturiana. En Ribadeo estará Hector López, membro do Grupo Nove, empezou a oficiar no establecemento lucense da súa familia, onde traballa co seu irmán Francisco, apostando por unha combinación comedida, pero perfectamente definida, entre a herdanza ortodoxa e o “aggiornamento” dunha despensa rural, tanto de montaña como de litoral. Participou como xurado no programa culinario Desafío nos fogóns, de Televisión de Galicia, así como nos inicios do Ribadeo de Tapeo. E tamén nos acompañarán Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez, que son profesionais da hostalaría”.
Ana Martínez manifestou que “ademais este ano o gran protagonista, xunto cos hostaleiros, será o público participante que co seu voto a través das tarxetiñas que se depositan nos establecementos, decidirán a tapa gañadora entre o total dos establecementos que concorran, ao igual que o premio á mellor barra”.
A concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local subliñou que “outro dos cambios demandados dende o propio sector foi o de modificar o prezo da tapa, este ano será de 1,50 euros por petisco, sendo este un factor engadido para incentivar a calidade e a creatividade das propostas culinarias. E de novo, volveremos contar cos Cantos de Taberna, que tan ben acollidos foron na edición anterior. Este ano desenvolverase o 19 de maio a partir das oito da tarde. Dende hoxe ata o 9 de maio está aberto o prazo do inscrición, e as bases e ficha de inscrición atópanse publicadas na páxina web do Concello na sede electrónica. A inscrición nos Cantos de Taberna é de balde, e realizarase a través de turismo@ribadeo.org ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689”.
Martínez engadiu que “tamén un ano máis, este concurso de tapas será gastro accesible, é dicir unha decena de locais contarán con tapas aptas para celíacos e para vexetarianos. E co obxecto de garantir e asesorar aos participantes na presentación e elaboración de tapas sen glute, a organización colaborará coa Asociación de Celíacos de Galicia, que será quen revisará e asesorará aos establecementos interesados no manexo, recomendacións e na correcta elaboración da tapa sen glute. É como sempre, e sen perder de vista o noso obxectivo en materia turística, a desestacionalización do turismo, queremos converter esta cita culinaria nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo, por iso seguimos coa proposta de Soños Gastronómicos, onde 9 dos nosos establecementos hostaleiros ofrecerán descontos nas pernoctas para poder gozar dunha boa escapada gastronómica en Ribadeo”.
A edil ribadense seguiu a relatar que “entre bocado e bocado e en colaboración coa Concellería de Cultura, poderemos desfrutar das nosas Sobremesas Culturais que veñen cargadiñas de actividades repartidas polos diferentes recunchos da vila. Así, contaremos cun obradoiro de swing e un Festival Infantil organizado por Amigos da Gaita e por suposto non faltarán os concertos no Teatro e nas contornas da Praza de Abastos, do Cantón e do parque de San Francisco, etc. Durante varios días, contaremos coa colaboración da Fundación Tic para darlle unha maior difusión ao evento”.
E tivo palabras de agradecemento para a hostalería de Ribadeo “pola súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer tal evento, así como os agasallos que doaron para os premios que se repartirán entre o publico premiado. Tamén o noso agradecemento aos praceiros pola súa colaboración e ao establecemento hotel restaurante Voar pola súa dispoñibilidade como establecemento colaborar non participante”.
Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez, indicou que “este Ribadeo de tapeo por unha banda ten xa doce anos que nun concurso destas características é moito, pero pola outra segue a ter a frescura e a innovación. Cada ano desde o Concello preocupámonos de singularizar, de modernizar, de crear novos argumentos e novos contidos para encher de ilusión e de necesidade de vir a Ribadeo, que é do que se trata este Ribadeo de Tapeo”.
O rexedor sinalou que “como ben di a miña compañeira Ana Martínez, trátase de poñer en valor o traballo destes sectores servizos e da hostalería local, que dá o mellor de si con esta cociña en miniatura, enriquecelo e aderezalo con estas actividades e con todo isto que estamos facendo nos máis de 52 establecementos participantes. Contaremos cunha aplicación para móbiles, que non é a primeira vez que contamos con ela, pero está mellorada, e incluso este ano ampliamos e metémonos nun proxecto a nivel galego a través da integración desta aplicación, tanto para ios como para android, que queda integrada noutra que recolle os principais concursos gastronómicos de Galicia”.
Para Suárez Barcia “volvemos poñer encima da mesa unha escusa perfecta para vir e para estar en Ribadeo, que é do que se trata”.





















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



