Lugo, 10 de maio de 2017.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, adxudicará nos vindeiros días na provincia de Lugo 18 vivendas de promoción pública que por distintas razóns foron desocupadas polos últimos adxudicatarios.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou a axilidade coa que se suceden os procesos de adxudicación “recorrendo aos listados de reservas para convocar novos adxudicatarios tan pronto como queda unha vivenda baleira, ou despois de executar as obras de reforma ou reparación necesarias, se fora o caso”.
As vivendas están situadas en nove concellos da provincia. Así, hai catro en Monforte de Lemos, tres no Valadouro; dúas en Burela, Cervo, Foz e Sarria; e unha en Barreiros, Mondoñedo e Xove.
Así mesmo, están neste momento en fase de reparación para ser adxudicadas nos vindeiros meses outras dúas vivendas en Cervo, tres en Viveiro e unha en Mondoñedo.
O delegado territorial destacou que o Goberno autonómico está a realizar un esforzo para “dar resposta ás necesidades das familias facilitando o acceso a unha vivenda”. Sinalou que as persoas interesadas poden inscribirse en calquera momento no rexistro de demandantes de vivendas de Galicia.
En base a este rexistro, a comisión de Vivenda elabora cada ano -no mes de xaneiro- os listados de segundas transmisións ou reservas, mediante sorteo ante notario entre os inscritos.