Foz 12-5-17. O Colexio Martínez Otero de Foz, a instancia do seu equipo de Dinamización Lingüística, vén de crear o premio “En galego consola”. Con este galardón preténdese recoñecer o labor dos diferentes negocios focegos que empregan o galego como lingua habitual na súa promoción, relación e atención cos clientes.
O premio “En galego consola” nace con vontade de permanencia no tempo e coa idea de incentivar, entre os distintos establecementos focegos, o uso da lingua galega en todos os seus ámbitos de actuación. Nesta primeira edición, o premio recaeu no sector hostaleiro. A razón é clara: a campaña “En galego consola”, levada adiante polo alumnado de 1º da ESO, dirixíase á visibilización do galego nun ámbito do común, de todos os días, como eran os menús e as cartas das cafetarías e dos restaurantes. Deste xeito, o traballo de campo da campaña permitiulle ao alumnado coñecer a “saúde” da nosa lingua nos bares e cafetarías da nosa vila.
Así, foi o alumnado de 1º da ESO o encargado de actuar como xurado nesta primeira edición do premio “En galego consola”. Este venres, día 12 de maio, nun acto organizado no Salón de Actos do Colexio, foron os propios alumnos de 1º da ESO os encargados de entregarlle o premio ao local afortunado: a PULPERÍA RENTE AO MAR. O seu xerente, Ramón Fraga “Caxé”, foi quen recolleu o premio de mans dos pícaros. Amosouse moi emocionado e agradecido por ser merecedor desta distinción, á vez que animou aos pícaros para que non deixen que a nosa lingua se perda.