Lourenzá, 4 de maio de 2017. Esta semana empezaron a traballar os 5 empregados contratados polo Concello de Lourenzá cunha subvención concedida pola Deputación de Lugo a través do programa Depuemprego. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Rocío López.
A rexedora municipal explicou que “para este fin o Concello recibe do ente provincial un total de 37.000 euros destinados á creación de 5 postos de traballo e foron contratados un albanel, un carpinteiro, un peón de limpeza, un peón de xardinería e un técnico de turismo. Isto permitirá reforzar o cadro de persoal e mellorar a calidade e a eficiencia na prestación dos servizos aos cidadáns”.
Resposta ás críticas do PP
Ademais Rocío López respondeu ás declaracións da portavoz municipal do PP, quen criticou que o Concello perdeu unha subvención da Xunta de Galicia de 4.800 euros destinados á contratación de oito voluntarios: “sorpréndeme que a señora Álvarez se preocupe pola perda de 4.800 euros e non polos 50.000 euros que todos os veciños terán que poñer do seu peto para a execución da sentenza de demolición do edificio de vivendas situado na rúa Rego Vilazo, débeda e herdanza que ela mesma nos deixou. Non nos acuse a nós de mala xestión cando mala xestión é a súa, a que nos levou tamén a perda da subvención do Agader destinada ao Pazo de Tovar e que tamén sairá do peto dos laurentinos. É unha vergoña e unha falta de respecto que esta señora ande a enredar con esas cuestións cando dende o actual goberno municipal estamos a solucionar da mellor maneira que podemos os problemas que o seu goberno do PP nos deixou”.