Viveiro (Lugo), 13 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda axilizará “ao máximo as obras na ponte da Misericordia”, en Viveiro, “para restablecer canto antes a normalidade do tráfico”.
Balseiro sinalou que se realizan labores para reintegrar os sillares desprazados nun tallamar, “traballos que só se poden acometer durante a baixamar, o cal condiciona os prazos”. Foi preciso cortar un carril á circulación para instalar unha estada colgante que permite acceder á zona sen afectar ao leito da ría.
Prevese que a vindeira semana rematen os traballos do tallamar e se executen tamén os de pintado e reparación da varanda.
Igualmente, proximamente realizarase unha inspección exhaustiva da ponte, incluídas as cimentacións a través de medios acuáticos, no ámbito do programa de inspección e xestión de estruturas e obras de paso da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).