Cervo, 15 de xuño de 2017.- O Concello de Cervo convocou a todos os apicultores do municipio para seguir a trazar a estratexia para tentar loitar conta a vespa velutina.
Deste xeito o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de medio ambiente, Manuela Méndez, mantiveron un encontro con todos eles no Salón de Plenos do Consistorio, no que puxeron en común a situación actual das súas colmeas e a incidencia que está a ter esta especie invasora “que tal e como estamos a comprobar segue a esta moi presente nesta zona, e así nolo fixeron saber tamén os nosos veciños apicultores”.
Villares sinalou que “dende o Concello o que pretendemos é poñer todas as ferramentas que temos na nosa man para tentar minimizar o problema co que se está a atopar este sector e para elo entregamos produtos atraíntes de balde, para que poidan elaborar as trampas que, tal e como nos trasladaron, están a resultar eficientes”.
E é que nesta fase da primavera e comezos do verán é o momento idóneo para poder capturar o maior número de raíñas posible, tentando reducir así a presenza dos niños.
Deste xeito, o Concello de Cervo entregou no mes de marzo unha primeira remesa de produto. Cada envase que entregamos garantía o mantemento da trampa durante un período de dous meses, que se vén de cumprir, e é agora volvemos xuntarnos cos apicultores para facer ese seguemento da evolución das colmeas, e comprobar se o traballo que se está a facer vai no bo camiño; e entregarlles así mesmo, máis produto atraínte.
En total -engadiu- levamos investidos na compra destes produtos preto de 6000 euros de fondos públicos que cremos ben xustificados “porque estamos a loitar contra esta especie invasora, tentendo minimizar os seus efectos, que afectan ao traballo dos nosos apicultores e das abellas, tanto na produción de mel, como na importante faceta polinizadora desta especie”
Aos apicultores facilitóuselles así mesmo un teléfono de contacto para traballar de xeito coordinado, e que nos comuniquen a presenza de calquera niño que poidan detectar; para que dende o Concello procedamos a eliminalo canto antes.
O rexedor recordou que nestes últimos tempos os técnicos municipais fixeron un traballo exhaustivo identificando e xeoreferenciando as colmeas que hai no Concello, chegando a contabilizar a día de hoxe preto de medio milleiro delas.
O obxectivo, sinalou “é seguir estando, tal como vimos facendo dende que temos constancia da presenza desta especie invasora no noso Concello, ao carón dos nosos apicultores, e tentar protexer, na medida das nosas posibilidades, o seu traballo e o das súas abellas”.