Ribadeo, 14 de xullo de 2017. A axenda de actividades culturais do Concello para estes meses de verán inclúe música, exposicións e obradoiros, entre outras propostas.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou na presentación realizada este mediodía que “para levar ben estes días ao longo de todo o verán, temos unha nutrida programación con diversidade de actos, aínda que tamén é certo pola época do ano que é, que nos chama a saír á rúa, a música vai ter un lugar especial”.
O edil quixo “destacar para os nenos e as nenas as actividades englobadas dentro do programa Cultura no Camiño, así teremos Troula Animación con Uxía Lambona e a Banda Molona o 20 de xullo, o 4 de agosto chegará Migallas Teatro, o 26 de agosto estará Pistacatro co espectáculo Francesca Martello, o 2 de setembro Fantoches Baj con Velocíclopes, e o 16 de setembro dentro do programa Buxiganga Lume Escénico con A hora das cerdeiras. Son cinco actuacións pensadas nos nenos e nenas que aproveitando as tardes de verán e o bo tempo poderán gozar dun bo espectáculo ao aire libre”.
Farruco Graña anunciou que “temos música, que xa tivo parte de protagonismo no Ribadeo Indiano co Festival de Habaneras, e o que nos queda por diante será o 23 de xullo un festival de música e baile tradicional no parque de San Francisco e no que actuarán Amigos da Gaita, Arco da Vella e a Banda de Gaitas de Rábade, Begonte e Outeiro. Temos como todos os anos os concertos da Coral Polifónica, xa gozamos dun bo espectáculo musical no concerto de habaneras no Ribadeo Indiano, pero aínda nos agarda o clásico concerto de verán da Coral Polifónica de Ribadeo, que será na igrexa parroquial o 28 de xullo. Non podemos esquecer ademais que a Coral Polifónica de Ribadeo tamén cando son as festas da patroa participa nos actos relixiosos que hai poñendo música aos mesmos”.
O edil nacionalista engadiu que “temos tamén os concertos xa clásicos da nosa Banda de Música Municipal de Ribadeo, o 25 de xullo, o Día da Patria Galega será o concerto que leva o mesmo nome no parque de San Francisco. O día 29 de xullo teremos o Festival de Bandas de Música no parque de San Francisco, o concerto de San Roque nas festas, este ano teremos ademais unha celebración especial porque é o 25 aniversario da Banda de Música Municipal de Ribadeo co que ese concerto vai ser especialmente emotivo, así como a xornada de convivencia de todos os socios de Amadores e todas as persoas que desexen participar na churrascada tradicional que se celebra en Cabanela e que este ano coincide o 19 de agosto. Non podemos esquecer o concerto clásico das bandas sonoras que fai a nosa Banda de Música e que será o 25 de agosto e como non a Banda acompañaranos nas festas da patroa”.
Farruco Graña salientou que “tamén hai outro tipo de música e o 1 de agosto estará connosco Xógara nun concerto no que se abordará a música de Gales e Galiza, o 14 de agosto teremos a Odaiko Música cun concerto didáctico pero aberto a todos os públicos e en clave curso de verán, por así chamarlle. Xa tivemos a Odaiko Música noutras ocasións en Ribadeo e os seus concertos sempre foron moi instrutivos e moi agradables. Tamén estará connosco Xacarandaina o 15 de agosto e non podemos esquecer que entre o 11 e o 13 de agosto vai ser o curso de jazz, e que o día 13 ao rematar este curso haberá o clásico concerto de exhibición no que os alumnos e alumnas que participen en dito curso mostrarán a todas as persoas que esteamos presentes o que aprenderon ao longo dese curso intensivo”.
O concelleiro de Cultura dixo que “é un clásico no verán de Ribadeo o Festival Internacional de Música Clásica, que este ano será entre os días 7 e 12 de agosto. Teremos ademais música antiga con I colori dell´armonía, un grupo musical que xa nos acompañou en varias ocasións ao longo destes últimos veráns, o 20 de agosto na igrexa parroquial. Tamén teremos a Mónica de Nut o 18 de agosto, e a Camerata Nuestro Tiempo o 30 de setembro”.
Farruco Graña contou que “este ano hai unha novidade, un festival musical de interacción social que se desenvolverá no marco da zona vella, de feito o seu nome leva a etiqueta de Zona Vella Ribadeo, no que se combinarán distintos estilos musicais e no que ademais tamén haberá expresión plástica con pintura de murais e algunhas novidades que xa daremos a coñecer no seu momento”.
O edil ribadense declarou que “no plano das exposicións temos a sorte de poder gozar este verán dunha, eu diría que case excepcional, son as fotografías da Galiza antiga de principios do século XX de Ruth Matilda Anderson, que estarán connosco no Forte de San Damián dende o 28 de xullo ata o 26 de agosto. Son especialmente emotivas porque aquelas persoas que tiveran a sorte de poder chegar aos 80, 90 e mesmo 100 anos van poder lembrar a Galiza que coñeceron nos anos 20. Hai fotos moi emotivas nas que ademais se reflicten as raíces profundamente rurais do noso país e que xa cada vez están máis lonxe. Unhas fotografías dunha calidade excepcional porque Matilda Anderson ten ás súas costas unha experiencia e unha fama ben recoñecida como fotógrafa, e podo anticipar ademais que tamén van poder comprobar cómo era o Ribadeo daqueles anos”.
Ademais Farruco Graña anunciou que “tamén teremos unha exposición en torno a primeira quincena de setembro, que será a visita que fagan desde a comarca de Bergantiños varios artistas plásticos para correspondernos á visita que nós lles fixemos cos artistas mariñáns a Carballo a comezos de verán”.
O concelleiro cree que “non podemos esquecer as clásicas Xornadas de Historia Local o 26 e 27 de xullo organizadas pola agrupación cultural Francisco Lanza, tampouco a Festa da Malla, nin por suposto o feixe de festas patronais que hai en todas as parroquias, que son punto de encontro para todas as familias, non só as que viven alí senón os que poidamos estar de visita”.
Farruco Graña asegurou que “estas actividades teñen por obxectivo que os e as ribadenses gocemos do verán, que é a época do ano cos días máis longos e na que máis nos apetece saír fora,e por suposto tamén para todas as persoas que nos visitan que vexan que poden converter a estadía en Ribadeo nun momento agradable”.





















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



