Ribadeo, 1 de xullo de 2017. O luns, día 3, comezan as Colonias de Verán 2017 que durarán todo o mes de xullo. Terán lugar en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas. Están organizadas pola Concellaría de Mocidade e pola Omix.
Desde a Concellaría de Mocidade sinalan: “entendemos e apostamos polas actividades de Ocio e Tempo libre como estratexias educativas que proporcionan a quen participa un ámbito educativo e lúdico, onde se traballan aspectos como o coñecemento, a convivencia, o traballo en equipo o desenvolvemento físico e emocional… O ocio e o tempo libre son conceptos asociados á idea de pracer e disfrute. Porén estas actividades asociadas a contornas de socialización e de relación, e organizadas e coordinadas por monitoras/es formad@s e preparad@s, tamén son espazos onde poñer en práctica tarefas de corresponsabilidade, onde fomentar o empoderamento da mocidade e favorecer unhas relacións igualitarias e non sexistas”.
E engaden: “desde o Concello de Ribadeo defendemos a importancia destas actividades para contribuír ao desenvolvemento dos rapaces e rapazas”.
A oferta do Concello para este verán serán Colonias de verán para os nenos e nenas de infantil do 3 ao 28 de xullo. Haberá xogos, obradoiros, deportes e actividades lúdicas e recreativas e unha festa acuática o 25 de xullo. “Con eles abordaremos a Aventura de ler. O conto infantil”, sinalan desde Mocidade.
Haberá tamén estas colonias nas mesmas datas para os nenos e nenas de 1º e 2º curso de primaria e para os rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria que gozarán de xogos, obradoiros, deportes, piscina e actividades acuáticas (padel surf, bolas acuáticas, banana acuática, etc…), excursións e festa acuática na piscina o 25 de xullo. A cota destas colonias é de 30 euros por semana.
Durante estas Colonias de Verán o primeiro grupo de primaria realizará unha Viaxe polos inventos e descubrimentos da historia. E o segundo grupo de primaria Superaventura en Ribadeo.
Os nenos e nenas a partir de 11 anos poderán participar nun Obradoiro de iniciación ás curtametraxes para mozos e mozas. Será do 3 ao 6 de xullo. Os nenos e nenas nados entre 2003 e 2010 gozarán de torneos 3×3 de fútbol, baloncesto e tenis de mesa do 3 ao 14 de xullo.
Para os rapaces e rapazas a partir de 12 anos ofértase a actividade deportiva Heroican Kid Training os días 26, 27 e 28 de xullo. E finalmente en setembro o día 20 haberá un Obradoiro de ferramentas dixitais e recursos na rede para o estudo. Os destinatarios son os rapaces e rapazas a partires de 11 anos.
Ademais Cultura no Camiño traerá varios espectáculos para os nenos e nenas ao longo de todo o verán.