Burela, 13 de xullo de 2017.- A Deputada do PSOE no Congreso pola provincia de Lugo, Margarita Pérez Herraiz; o Presidente do PSOE na Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; o Deputado Autonómico do PSOE pola provincia de Lugo, Luis Álvarez; os Alcaldes de Burela, Alfredo Llano; Alfoz, Jorge Val, Lourenzá, Rocío López, e Trabada, Mayra García; ademais de Concelleiros e compañeiros de partido na Mariña, denunciaron este xoves o “abandono” do Partido Popular dende o Goberno Central en materia de estradas. Pois, “non só fan que esta Comarca sexa a peor comunicada da provincia, sen previsión algunha para poñer en marcha a necesaria A-74; senón que, nin tan sequera, inviste na conservación das vías de titularidade estatal que temos na Mariña”, apuntou Pérez Herraiz.
O PP votou en contra da suba de fondos para a A-74
A Deputada do PSOE no Congreso pola provincia de Lugo explicou que “no ano 2016 había 2,3 millóns de euros para a A-74, dos que o Partido Popular dende o Goberno Central tan só se executou 500.000 euros. Este ano, o PP incorporou unha partida de 1,7 millóns de euros para esta autovía, que son “claramente insuficientes, mantendo á A-74 sen data algunha para a súa apertura. Por este motivo, os socialistas presentamos no Congreso unha emenda, reclamando incrementar en 1,5 millóns de euros este orzamento. O Partido Popular rexeitou esta suba, votando en contra dos intereses dos veciños da Mariña”.
“Marxinan ao terzo da veciños da provincia que vivimos na Mariña”
Neste eido, Campos Conde engadiu que “despois do acontecido coa transcantábrica, cando, no ano 2000, o PP, dende o Goberno Central, decidiu deixar a nosa Comarca marxinada, levamos anos esperando a que nos compensen co Corredor da Costa e coa VAC. Pero tamén o Partido Popular segue a negar a posta en marcha destas infraestruturas, tanto dende o Executivo Estatal como dende a Xunta de Galicia. Están a marxinar a un terzo da poboación da provincia, que vivimos na Mariña. A nosa Comarca sobrevive grazas ao esforzo dos seus veciños, que fan que sectores como a pesca ou factorías como Alcoa continúen a funcionar, fortalecendo o PIB da provincia, aínda non ter facilidades para facelo en canto ás comunicacións”.
Nin tan sequera fondos para conservación
Pérez Herrraiz explicou que “no ano 2011, co PSOE no Goberno Central, executamos 22 millóns de euros na conservación de estradas estatais na provincia de Lugo. No ano 2016, co PP no Executivo do Estatal, tan só se realizaron traballos por valor de 7,4 millóns de euros. O Partido Popular recortou en case un 70% o investimento en conservación. Polo tanto, a Mariña non só non ten as comunicacións que necesita, nin data para telas, senón que as poucas vías de comunicación que ten están totalmente abandonadas”.
Novas iniciativas para máis subas
“Presentamos unha proposición non de lei, que conseguimos sacar adiante a pesares de non contar co apoio do PP dende o Goberno Central, para incrementar os fondos destinados ao mantemento da N-642 entre os puntos quilométricos 29 e 39. Imos a presentar novas iniciativas para reclamar a necesaria suba de investimentos na conservación de máis estradas estatais na Mariña, pois o seu estado é lamentable”.
Sen feitos e con atracos para a promoción turística da Mariña
O Alcalde de Burela denunciou que “ao PP éncheselle a boca, asegurando que apoian a promoción turística da Comarca, pero só son palabras, só saben figurar, non hai feitos, e máis, hai atrancos. O Partido Popular dende os goberno do Estado e da Xunta non puxeron en marcha nin unha soa iniciativa para favorecer a actividade turística na Mariña. Entorpecen as que potenciamos dende outras administracións, entidades ou asociacións co esforzo dos veciños desta Comarca. Todo o traballo estámolo a asumir os cidadáns e os propios Concellos coa única axuda da Deputación de Lugo”.