A Mariña, 10 de agosto de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña fai un balance moi positivo do plan Avanza que rematará o 31 de agosto. Trátase dun programa integrado para o emprego no que participaron 60 persoas das que 21 traballaron un mínimo de tres meses en empresas da comarca. Foron 6 os concellos beneficiarios do mesmo. Para participar na segunda parte deste plan Avanza sería necesaria a participación de 9 ou 10 Concellos da Mancomunidade e de 85 persoas.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, manifestou que “está a punto de culminar xa o que é o primeiro programa integrado para o emprego que na Mancomunidade solicitamos o ano pasado, para traballar con colectivos de difícil inserción laboral. E temos que dicir que foi totalmente un éxito a realización deste programa que nosoutros titulamos como plan Avanza”.
Llano lembrou que “na Mancomunidade o ano pasado solicitáramos seis concellos, e resultou unha experiencia penso que moi boa incluso tamén para as persoas que estaban desempregadas. Eran persoas que estaban nunha situación difícil para atopar un emprego, déuselles formación específica a 60 persoas, e a 21 delas déuselles un traballo durante un mínimo de tres meses. Neste programa que ten que estar rematado o 31 de agosto, aínda hai oportunidade de poder empregar algunha persoa máis”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “estes seis concellos que nos unimos o ano pasado para aproveitar a subvención que viña por parte da Xunta, houbo que aportar algún cartos por parte dos concellos, pero foi o mínimo comparado co resultado que deu, pensamos que foi un éxito absoluto e estamos todos moi satisfeitos”.
Alfredo Llano anunciou que “agora vólvese publicitar para este ano a oportunidade de facer unha segunda edición deste programa integrado. Este ano cambiaron certos aspectos, na edición pasada eran sesenta persoas e era un colectivo moi determinado. Este ano sería para ese mesmo colectivo de persoas de difícil inserción, pero tamén se abren un pouco máis as posibilidades a outros colectivos que aínda que non reúnan estas condicións que se esixían o ano pasado poden cumprir outras que poden servir para insertalas neses programas. Este ano esíxese un mínimo de 85 persoas e hai que facer unha inserción laboral como mínimo de 25 ou 26 persoas”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu: “pensamos que sería bo que non soamente seis concellos se unisen de novo a este plan Avanza, senón que se necesitarían un mínimo de dez para que este programa este ano fose ben aproveitado, e que se puidera favorecer a inserción laboral e a formación que isto representa para moita xente da Mariña lucense. Onte tivemos unha reunión para falar disto, pero non se tomou unha conclusión definitiva. Imos estudar en cada un dos concellos cómo están as bases e a predisposición para colaborar nesta integración laboral”.
Alfredo Llano rematou a súa intervención sinalando: “imos agardar ata o día 16 deste mes para sabelo definitivamente. Se é posible acadar un mínimo de nove ou dez concellos que queiran aproveitar este programa, farémolo e senón veremos a ver qué é o que se pode facer. Evidentemente ter que traballar con esas 85 persoas desocupadas conleva que exista un compromiso. Sería óptimo que se comprometeran nove ou dez concellos da Mancomunidade”.