Burela 14-8-17. A xunta de persoal do Hospital da Costa dá a coñecer a ligazón do Goberno Galego no que os veciños poden expresar a súa oposición á desaparición da área sanitaria desta comarca, facendo depender ao Hospital da Costa e aos centros de saúde directamente de Lugo.
Os representantes dos traballadores advirten que o prazo para a presentación de suxestións é moi curto e acaba o próximo día 17 de agosto. Para facilitar o trámite, ademais de ofrecer un texto que os interesados poden copiar, achegan tamén a ligazón na que deben entrar.
O texto da suxestión indica: “Rexeito o anteproxecto de lei para modificar a lei 8/2008 de Saúde de Galicia porque é un paso mais para facer desaparecer recursos, especialidades e profesionais, despexando o camiño para a privatización. A supresión da Area da Mariña afastará a resolución dos problemas da cidadanía e dos/as traballadores/as porque con menos medios nos hospitais comarcais a alternativa será desprazarse aos grandes hospitais e a marxinación dos Centros de Saúde na Atención Primaria. Reclamamos ao Parlamento Galego un trato non mapa sanitario que se corresponda coas necesidades reais da Comarca da Mariña”.
Para formular a alegación o cidadán deberá entrar nesta ligazón:
https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions/-/nt/0260/anteproxecto-lei-polo-que-modifica-lei-82008-10-xullo-saude-galicia
Segundo expresan os representantes dos traballadores do Hospital da Costa, unha vez no portal o cidadán deberá encher os datos, escribir a súa suxestión, indicar na casa “non son un robot”, darlle ao botón e enviar.