Ribadeo, 1 de agosto de 2017.- A Xunta de Galicia está a promover actuacións para mellorar as dotacións e servizos públicos no municipio de Ribadeo que alcanzan un investimento de máis de 400.000 euros.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou que entre os proxectos máis recentes figuran as obras de acondicionamento, humanización e mellora da seguridade viaria na travesía Francisco Iglesias, ás que se achegan 40.000 euros, financiando a porcentaxe máxima sobre o orzamento global que prevé este programa da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza.
Cómpre lembrar a importancia estratéxica desta travesía que dá servizo a Escola de Idiomas, situada dentro do casco urbano de Ribadeo, no límite con zonas sen edificar e o instituto.
O espazo incorporará novos equipamentos urbanos e mellorará a súa cohesión social e urbanística co resto da vila. Entre as actuacións previstas está o ensanche da beirarrúa e pavimentación con baldosa hidráulica na superficie peonil e de aglomerado en quente na zona da calzada.
A obra contempla tamén a substitución dos farois actuais para unha mellor iluminación e a substitución das canalizacións existentes Finalmente prevese a instalación de bancos e papeleiras
Outras intervencións
O Concello de Ribadeo recibirá unha axuda de máis de 15.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a instalación dunha rede de videocámaras no polígono industrial.
Este departamento tamén destina 48.500 euros a subvencionar a contratación de cinco persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), e 21.000 euros á contratación de sete socorristas, así como 140.200 euros ao desenvolvemento dun obradoiro de emprego sobre produción fotográfica, operacións de gravación e tratamento de documentos.
Turismo de Galicia promove a instalación dun punto interactivo de información turística no centro urbano e apoia a Xira de Santa Cruz, declarada de Interese Turístico Galego, e a Consellería de Cultura e Educación realiza obras de reparación no CEIP Gregorio Sanz, iniciativas que suman preto de 28.000 euros.
Por último, cabe lembrar que se iniciou en xullo o novo contrato da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a ordenación do uso público e divulgación dos valores naturais da praia das Catedrais durante as próximas anualidades (ata a Semana Santa do ano 2019, incluída) por importe de preto de 120.000 euros.