Lugo, 28 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desmentiu esta mañá as información ofrecidas desde o Concello de Burela e aclarou que foi o propio Goberno local quen se comprometeu a completar a obra do novo parque infantil no CEIP Vista Alegre.
Desde a administración autonómica sinalan que a Xunta rematou todos os traballos que lle correspondían nese centro, en concreto a instalación da soleira de formigón que serve de base para o parque infantil e a dotación do mobiliario, actuacións nas que investiron 6.570 euros. Mentres que, pola súa banda, o Concello pactou coa propia dirección do centro dispoñer do solo de seguridade e proceder aos remates finais dese espazo.
O desmentido da Xunta xurde despois de que o Concello pretenderá presentar estes traballos aos que estaba obrigado polo compromiso de colaboración, como unha obra necesaria porque desde a administración autonómica non completaron a mesma, situación sorprendente e que non se corresponde coa realidade do pactado.
A Xunta de Galicia non só completou os traballos aos que se tiña comprometido para a dotación deste parque infantil senon que o fixo durante a época estival, co obxecto de impedir que interferira na propia actividade do centro e para que puideran dispoñer do mesmo os escolares co inicio do novo curso.
Pero esta non foi a única actuación de mellora impulsada desde a administración autonómica neste centro educativo, pois tamén se achegaron preto de 25.000 euros adicionais en distintas obras de canalización de pluviais, instalación de caleiros e de revisión do cadro eléctrico.
Pola contra o Concello é, en moitas ocasións, reticente a cumprir as súas obrigas respecto do mantemento e conservación dos centros, pese a ser unha competencia local segundo o convenio e distribución de responsabilidades que se pactou na Fegamp.