Ribadeo, 6 de setembro de 2017. APAGA organiza unha xuntanza a vindeira semana en Ribadeo para rematar o proxecto da Rede de Mobilidade e Innovación na FP no que estivo a traballar durante os dous últimos anos. Neste encontro, que terá lugar do 14 ao 17 deste mes, participarán unha ducia de profesores procedentes de Italia, Croacia, Estonia, Polonia e República Checa.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, lembrou que “se leva traballando neste proxecto desde outubro de 2015. Na reunión que se vai facer a semana que ven do 14 ao 17, en Ribadeo, se vai dar por rematado”.
Doural dixo que “este proxecto ten uns obxectivos moi claros e creo que están moi ben enmarcados na realidade que vivimos neste momento, que é a necesidade de crear unha nova metodoloxía didáctica nos centros educativos, especialmente nos de formación profesional”.
O presidente de APAGA subliñou que “o que se traballou neste proxecto durante estes dous últimos anos foi a creación de libros electrónicos, é dicir, manexo de editor de libros electrónicos para profesores e alumnos. Houbo profesores e alumnos implicados que estiveron realizando estes traballos. Creouse unha web que se vai poñer en marcha proximamente neste mes de setembro con todo o material que vai estar a disposición de todo o profesorado que queira utilizalos. Haberá material en inglés principalmente e tamén en español. Creouse unha biblioteca virtual dos libros realizados e continúase a traballar en todo este proceso”.
Álvaro Doural indicou que “a nosa asociación é a coordinadora deste proxecto, pero en colaboración con outros socios, unha empresa de Italia que se chama Autoreparación Multicar, un instituto de Zagreb-Croacia, outro instituto de Estonia, outro de Varsovia-Polonia e outro mais da República Checa. Nestes centros está implantado o sistema en máis ou menos medida, pero o profesorado está utilizando os editores de libros electrónicos para a elaboración dos seus materiais. Todos eses produtos van estar nesta web creada para o proxecto”.
O presidente de APAGA anunciou que “a partir do día 14 en Ribadeo vai haber esta reunión que vai contar aproximadamente con dez profesores representantes de todos estes socios. Vai haber dous representantes de Italia, dous de Croacia, un de Estonia, dous de Polonia e dous de República Checa. Van estar en Ribadeo os días 14, 15, 16 e 17 deste mes”.
E engadiu: “así daremos por finalizado este proxecto, todo o que hai que facer respecto á documentación e todos os materiais que se van subir á web. Vai haber un programa de visitas a institucións do norte lugués durante os días 14 e 16, e o día 15 será xornada de traballo en horario de mañá e tarde”.
Na rolda de presentación do evento, que tivo lugar esta mañá nas instalacións do hotel O Cabazo, de Ribadeo, estiveron Javier Rodríguez Fanego e Álvaro Doural.
