Burela a 7 de setembro de 2017. CIG Saúde A Mariña, que estivo este mércores na concentración diante do Centro de Saúde de Viveiro convocada pola Xunta de Persoal para rexeitar a supresión da Área Sanitaria da Mariña, volve denunciar a política destrutiva en materia de contratacións, levada a cabo polo equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte nos Centros de Saúde da Mariña, caracterizada pola NON substitución das ausencias dos/as profesionais. Esta situación pon de manifesto o deterioro na calidade asistencial que se presta aos cidadáns e cidadás e o aumento do desemprego en todas as categorías profesionais da saúde da Comarca.
Dende o sindicato nacionalista denuncian o abuso sistemático ao que son sometidas polo SERGAS o persoal sanitario, en materia de contratos. Manifestan que de xeito sistemático ofertan contratos de un día a media xornada para asumir a carga de traballo de ata dúas consultas, responsabilizándoas das extraccións, control do Simtrón, curas, inxectables, control e seguimento das patoloxías crónicas (hipertensión, diabetes…), educación sanitaria, vacinacións, atención a domicilio de doentes, etc. Cuns tempos máximos de 5 minutos por doente, algo totalmente inadmisible nas catro horas de traballo polo que son contratados.
Grave perda da calidade asistencial.
Xunto a isto, subliñan que, á marxe do persoal sanitario, o/a principal prexudicado é o/a paciente. “Isto afecta gravemente á calidade asistencial. No caso de Atención Primaria, sobre todo aos doentes crónicos, porque se nunca está o mesmo profesional non se pode facer un seguimento axeitado e se a maiores, teñen que facerse cargo dos pacientes dun compañeiro/a, o tempo para atendelos diminúe”, afirman.
Esta situación súmase ás de enfermeiras/os, médicos/as de familia e pediatras de plantilla que se ven obrigadas a asumir os doentes dos compañeiros cando, en ausencia dos mesmos, a Xerencia decide non substituílos, creando graves dificultades de atención sanitaria na franxa horaria na que o centro se queda sen algún profesional que atenda o seu cupo asignado. Ás que hai que engadir as queixas do persoal non sanitario que ten que, identicamente, asumir a carga de traballo da compañeira non substituída.
Masificación de consultas, cupos profesionais por enriba do establecido, redución de profesionais, non substitucións… Estas, e moitas outras, son segundo a CIG Saúde A Mariña as consecuencias «de decisións que levan ao deterioración estrutural dá atención primaria na comarca».
Desmantelamento intencionado da sanidade
Segundo CIG-Saúde, este é o modelo que o goberno de Feijoo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública.
CIG Saúde A Mariña esixe ao SERGAS que remate con estas perversas prácticas na contratación, que as ausencias de médicos de familia, pediatras, enfermeiras e persoal non sanitario sexan cubertas na súa totalidade e que aposten claramente pola sostenibilidade e defensa da sanidade pública.