Cervo, 25 de setembro de 2017. O Concello de Cervo pecha mañá o prazo de inscrición para as actividades da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais que arrincará o vindeiro 2 de outubro.
O impreso para formalizar a inscrición debe ser entregado na Casa da Cultura, na Casa do Concello ou na Casa do Mar
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, animan a nenos e maiores a que formen parte das Escolas Deportivas que cada ano gañan adeptos “tendo en conta os máis de 200 usuarios, que participaron na pasada edición”.
Destacaron que a oferta das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo ,que botaron a andar no ano 2007, pretende ser o máis ampla e diversificada posible, ofrecendo múltiples actividades aos usuarios como “skate, BMX, fúbol sala, patinaxe artística, deportes de raqueta – pádel, Tenis, Ping-Pong, Bádminton -, zumba, aeróbic, voleibol -único Concello da contorna que oferta este deporte – ; ou diversos xogos para os máis pequenos, entre outras disciplinas”.
E os adultos poden asistir a ximnasia de mantemento, pilates, aérobic e aero-zumba.
Nesta liña destacaron o compromiso do Concello de Cervo co deporte no seu conxunto “porque entendemos que é esencial para o benestar físico e emocional das persoas, en todas as facetas do vida, nas idades temperás, pero tamén nas máis maduras; polo que traballamos para facer unha proposta deportiva ambiciosa e o máis atractiva posible”, cremos neste senso –engadiron- “que imos humildemente no bo camiño porque vemos como ano tras ano o proxecto inicial medra e evoluciona grazas a implicación de todos”.
O vindeiro mércores, 27 de setembro, será a presentación oficial da nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas.