Lugo, 19 de setembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este martes que o Goberno Provincial dotou dun novo centro de día á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, á única asociación que atende a estes pacientes en dita comarca, situado no Concello de Burela. O Goberno Provincial financiou na súa totalidade estes traballos con 40.000 euros, permitindo o traslado deste colectivo a un novo inmoble e mellorando, deste xeito, a calidade de asistencia aos usuarios. O titular provincial supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo nestas instalacións, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García. Fixérono acompañados pola Presidenta deste colectivo, María Iris Castro Meitín e a Directora, María José Novoa Rodríguez.
Campos Conde subliñou que “coa apertura deste novo centro melloramos a calidade de vida dos usuarios e a prestación de servizos por parte dos profesionais da Asociación, xa que se trata dun local máis céntrico, situado ao lado da estación de autobuses e tren, en planta baixa, con baño adaptado e sen ningún tipo de barreira arquitectónica, pois o antigo centro estaba situado nunha casa de dous andares comunicada por escaleiras e sen baños adaptados, o que prexudicaba o día a día dos usuarios. Melloramos deste xeito a accesibilidade e a integración dos usuarios, facilitando o acceso tanto aos usuarios como ás súas familias, xa que moitos dos pacientes chegan en transporte público”.
Así mesmo, con estas obras o Goberno da Deputación consegue que as instalacións da Asociación se adapten á Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, así como, ao decreto 35/2000, que regula o desenvolvemento e execución desta Lei.
Novo edificio en funcionamento
O novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral, que funciona como centro de día, xa se atopa en funcionamento. As obras levadas a cabo neste inmoble consistiron na división dos espazos, e a realización de todos os traballos precisos para o seu acondicionamento e posta en marcha, como os de fontanería, electricidade ou pintado dos diferentes espazos. Cómpre subliñar que, ademais da achega de 40.000 euros para financiar estas obras, o Goberno da Deputación colabora con este colectivo cunha axuda de 5.000 euros para sufragar os gastos de funcionamento deste centro de día.
A posta en marcha deste novo centro rehabilitador, permitirá que as persoas afectadas poidan recuperar ou adquirir aquelas habilidades psíquicas, emocionais, sociais e intelectuais que cada unha necesita para vivir, aprender, traballar e relacionarse na comunidade co maior grao posible de autonomía e independencia, en igualdade de condicións de accesibilidades entre eles.
Encontro cos usuarios
Campos Conde e López Izquierdo mantiveron un encontro cos usuarios do novo centro, onde puideron coñecer algúns dos talleres que se imparten como o de Lavandería Industrial. Así mesmo, o Presidente recibiu unha placa artesanal, feita polos usuarios da Asociación, como agradecemento.
A continuación, o titular provincial e a delegada da Área de Benestar desprazáronse á residencia da Asociación no Concello de Cervo, onde percorreron as instalacións acompañados polos pacientes. Estas instalacións tamén foron adaptadas no ano 2013 grazas a unha achega de 225.000 euros do organismo provincial.
Servizos da Asociación
A día de hoxe, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña é a única entidade que traballa en prol dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias na Mariña Lucense, atendendo a familias de 16 Concellos desta comarca: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, e no interior Ourol, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Trabada, Riotorto e A Pontenova.
En total, conta con tres centros especializados en Burela, onde atende a 25 usuarios; Ribadeo, onde presta servizo a 20 pacientes; e Cervo, municipio no que se sitúa a única residencia para enfermos mentais da provincia de Lugo, e que conta con 21 usuarios na actualidade. Cómpre subliñar que tan só hai 4 residencias que presten este servizo en toda Galicia, ademais da de Cervo, atópanse as de A Peroxa (Ourense), Cee (A Coruña), e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
18 anos de atención a pacientes e familiares
Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” é unha asociación de axuda ó enfermo mental que se fundou en 1999 por familias afectadas pola problemática da enfermidade mental unidos por un obxectivo común: acadar que ós enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e na vida da comunidade, e fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

























O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.



