Lugo, 26 de outubro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, agradeceu hoxe no acto do 40º aniversario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) que, neste tempo, a entidade mantivese vivo o espírito de unidade e colaboración.
Na súa intervención ante o empresariado lugués, Conde salientou que para manter un crecemento económico sólido e prolongado no tempo, Galicia achega confianza, estabilidade e responsabilidade, subliñando así mesmo que os orzamentos para 2018 dan a maior marxe de actuación desde o inicio da crise, cun crecemento de case o 3% e esgotando o teito de gasto aprobado polo Parlamento.
O conselleiro, que apuntou que, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) Lugo é a provincia que rexistra un maior aumento do emprego en toda Galicia, cun 2,9%, sinalou que Lugo volve encabezar, xunto con Ourense, o gasto per cápita nas Contas Xerais para o vindeiro ano.
Iso, tal e como salientou Conde, tradúcese en máis investimento para a mellora das infraestruturas nos parques empresariais da provincia, ou para consolidar proxectos tan vitais como o Polo aeronáutica de Rozas, con nove millóns de euros, polo que achega en termos de innovación, emprego cualificado e captación de investimentos á economía galega, tamén do rural. Do mesmo xeito, tamén fixo referencia á nova aceleradora que se vai poñer en marcha dedicada ao sector aeronáutico, que terá a súa sede no edificio da residencia.
Na súa intervención, Conde apuntou así mesmo que coa nova Lei de implantación empresarial Galicia conta cunha normativa pensada para atraer máis iniciativa empresarial cara aos sectores produtivos, e para axilizar os trámites e rebaixar os custos que debe afrontar unha empresa que queira instalarse na Comunidade. En definitiva, segundo resaltou Conde, trátase dun “exemplo de unidade e colaboración institucional entre a Xunta, os concellos galegos e os axentes sociais e empresariais”, unha unidade que situou tamén no espírito co que naceu a CEL hai corenta anos.