Lugo, 6 de outubro de 2017. A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo; a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e o Presidente de Somos Unidos Contra el Cáncer, José Manuel Vázquez, presentaron este venres, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o Congreso Provincial de Pacientes con cáncer y su entorno familiar. Trátase do foro, totalmente gratuíto, que organiza Somos Unidos por el Cáncer coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo. Participarán especialistas e profesionais da oncoloxía de todo o país. Terá lugar os días 10 e 11 de novembro, na Facultade de Enfermería, do Campus de Lugo.
López Izquierdo subliñou que “o cancro é unha das principais causas de morte en España. Un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres serán diagnosticados de cancro ao longo da súa vida. Porén, é un privilexio poder acoller na provincia de Lugo, durante dúas xornadas, a opinión de reputados profesionais oncolóxicos de todo o país, co obxectivo de afondar nesta doenza, nos novos tratamentos e como traballar coas familias que teñen que convivir día a día con esta enfermidade”.
A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade puxo en valor o traballo de asociacións como Somos Unidos, que traballan diariamente para axudar aos doentes e familias a vencer esta enfermidade na provincia de Lugo.
Pola súa parte, González Abelleira felicitou a Somos Unidos por el Cáncer por organizar estas xornadas únicas e de gran calidade na cidade de Lugo e “por permitirnos visibilizar esta enfermidade”.
Programación e relatores
Nas dúas xornadas do Congreso Provincial de Pacientes con cáncer y su entorno familiar, que organiza Somos Unidos por el Cáncer, participarán preto dunha trintena médicos, fisioterapeutas, nutricionistas, farmacéuticos, psicólogos, xinecólogos, sexólogos, e membros de asociacións de todo o país. Está avalado por 6 sociedades científicas e declarado de Interese Sanitario. No foro abordaranse diferentes temas relacionados coa enfermidade, como os novos tratamentos, a convivencia coa doenza, coidados da pel, o cancro nos nenos ou a nutrición, entre outros moitos. A programación será a seguinte:
Venres, 10 de novembro
17:00 horas.- Inauguración
17:15 horas.- O cancro e a condución. Participarán o Tenente Xefe do Servizo de Asistencia da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Miguel Ángel Iglesias Blanco; e o Garda Civil do Subsector de Tráfico de Lugo, Manuel R. Maira Saavedra.
17:45 horas.- Abordaxe integral do proceso educativo do neno con cancro. Participará a integrante do departamento Psicoeducativo de ASION de Madrid, Antonia Martínez Aguero.
18:30 horas.- Ensaios clínicos, pola adxunta ao servizo de Oncoloxía do HULA, Begoña Campos Balea; e a coordinadora en ensaios clínicos do HULA, Raquel Romero Van Der Shoot.
19:00 horas.- Coidados da pel e maquillaxe, impartida pola farmacéutica e especialista en dermoestética, Lucía Formoso Míguez.
19:45 horas.- Maxistral. Mitos e lendas, pola facultativa especialista en Microbioloxía e Parasitoloxía do Hospital Clínico Universitario Virgen de la Victoria de Málaga, Aurora García Barrionuevo.
Sábado, 11 de novembro
10:00 horas.- Mesa Redonda. Como remar co cancro. Comunicación. Participará a paciente membro de Chantada Contra o Cancro, Manuel Ángel Vázquez López; o Xefe de Oncoloxía do HULA, Sergio Vázquez Estevez; a adxunta ao servizo de Hematoloxía do HULA, Esperanza Lavilla Rubira; a Presidenta de GEPAC, Begoña Barragán; a Xefa de servizo da Unidade de Coidados Paliativos e HADO, Mª Aranzazu García Martínez; o Presidente da Sociedad Española Medicina General, Antonio Fernández-pro Ledesma; a membro de Somos Unidos, Concepción Vila Alonso.
12:00 horas.- A vida durante o cancro; 10 claves, impartida pola Psicóloga adxunta do servizo de oncoloxía do HULA, Rocío Basanta Matos.
12:45 horas.- Visión do TTO do Linfedema; pros e contras. Participará o fisioterapeuta método LEDUC, Carlos Manero García; o Presidente da Asociación Gallega de Linfedema, Juan Manuel Lameiro Barreiro. Presentado pola fisioterapeuta do servizo de Rehabilitación do HULA, Cristina Valle.
13:30 horas.- A representación da enfermidade no neno, impartido polo psicólogo clínico do Hospital da Costa de Burela, Mariano Carrero Moure.
16:00 horas.- Podo manter a fertilidade a pesar do tratamento?, impartido polo xinecólogo, especialista en reprodución asistida e director do Clínica IVI Vigo, Elkin Muñoz Muñoz.
16:30 horas.- Mesa redonda. Cáncer e sexualidade. Participarán a Vicepresidenta de AGAM e sexóloga, Beni Martínez García; o adxunto do servizo de uroloxía do HULA, Darío Calafiore; e a sexóloga, Estefanía Fernández Otero.
17:30 horas.- Cancro e nutrición, puntos de vista do endocrinólogo e o nutricionista. Impartidas pola adxunta do servizo de Endocrinoloxía do HULA, Rosa Argueso Armesto; e a nutricionista, Lidia Carballo Macía.
18:30 horas.- O hematólogo e o cancro, impartida pola adxunta do servizo de Hematoloxía do HULA, Mercedes Varela Pérez.
19:00 horas.- Clausura, coa actuación dos artistas Lucía Pérez e Vizcaíno.
Paralelamente ás xornadas, haberá 3 obradoiros gratuítos, sobre os coidados da pel e maquillaxe, de logopedia e de fisioterapia.
Somos Unidos Contra el Cáncer
Somos Unidos é unha asociación fundada en outubro do 2014 co obxectivo de dar atención e axuda a todas as persoas afectadas de cancro, tanto a pacientes como familiares. Traballan no ámbito provincial e ofrecen axuda a calquera persoa que padeza a enfermidade indistintamente da súa patoloxía.






















Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



