Viveiro (Lugo), 25 de novembro de 2017.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe nas XXII Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro de Celeiro, en Viveiro, cunha conferencia sobre a repercusión do brexit no complexo mar-industria en Galicia.
Alí a directora xeral deu conta da composición da frota pesqueira galega, que conta con máis de 4.400 embarcacións e dos escenarios na pesca e na industria transformadora ante a saída de Reino Unido da Unión Europea. Ademais Mercedes Rodríguez avogou por traballar para reducir os riscos derivados do brexit e enfocalo como unha oportunidade. De feito, Galicia traballa desde o minuto un na obtención de máis argumentos para defender os seus intereses pesqueiros, minimizar o seu impacto e facer unha oportunidade deste proceso.