Lugo, 19 de novembro de 2017O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este domingo na Feira do Mel de Muras, coa que colabora o Goberno Provincial cunha achega económica de 3.000 euros, para poñer en valor os produtos autóctonos e contribuír a desestacionalización do turismo na provincia lucense, como unha das liñas do Plan Estratéxico de Turismo.
Esta terceira edición da feira de Muras, que se desenvolveu durante a fin de semana, contou cun total de 11 expositores que, ademais do mel, puxeron á venda produtos autóctonos e de tempada, como queixos, castañas, empanadas ou licores, entre outros moitos. Trala visita do Presidente da Deputación, durante a xornada do domingo, os asistentes participaron en diversas actividades como obradoiros lúdicos para os máis pequenos de doces con mel, ceras e cestería. O cantautor Miguel Alonso e o Dúo Meritxell amenizaron o xantar. A cita rematou coa entrega de premios do Concurso de calidade da mel de Muras.
O día anterior, ademais da disposición dos postos gastronómicos, os asistentes puideron observar a extracción de resina da man de Francisco Domínguez e a cata de mel elaborada polos participantes no concurso de calidade da mel. O experto en Química Orgánica Xesús Feás realizou un simposio sobre a apicultura e o potencial desta explotación na Comarca de Muras. Co fin de fomentar outros produtos autóctonos, celebrouse tamén unha degustación gratuíta de lacón e finalmente, a Feira do Mel finalizou cunha actuación musical.