A Mariña, 30 de novembro de 2017. O Grupo Parlamentar do BNG rexistrou no Parlamento de Galiza diversas preguntas dirixidas ao goberno da Xunta para que explique a situación na que se atopan os traballadores de Arriva que non foron subrogados pola UTE concesionaria da liña de transporte na Mariña e aporte unha solución á mesma.
Con estas iniciativas, a formación nacionalista pretende pór o foco de atención nas nove persoas que desde o oito de agosto se atopan sen traballo, a raíz da adxudicación das liñas de transporte na comarca a unha nova empresa, a consecuencia do novo plan de transporte da Xunta.
A deputada nacionalista, Olalla Rodil, explicou que “pretendemos que se lles dean solucións a estas persoas que levan xa case catro meses sen poder traballar, con incumprimentos e falsas promesas por parte dunha Xunta de Galiza que propiciou o problema, pero que agocha a cabeza para solucionalo.”
A formación nacionalista denuncia que “outra vez o Partido Popular desde a Xunta de Galiza tira a pedra e esconde a man. O seu xeito de xestionar un novo plan de transporte en Galiza conleva que o resultado sexa unha auténtica trapallada que non só non ten beneficios para a comarca, senón que está prexudicando directamente a nove persoas que actualmente seguen sen traballo.”
“Sabemos que para o Partido Popular nove persoas non importan, porque o seu obxectivo seguramente xa estea cumprido, pero desde o BNG queremos poñer todo da nosa parte para que estas nove familias volvan á situación que tiñan antes de que á Xunta de Galiza se lle ocorrera experimentar co transporte público e poñer en risco o emprego”, manifestou a responsable comarcal Ana Ermida.
Desde o BNG manifestan o seu total apoio ás actuacións reivindicativas que os traballadores están levando a cabo e trasládanlles o “máis enérxico apoio” para que continúen coas concentracións na delegación da Xunta en Lugo.
“O señor Balseiro, ao que tanto lle gusta aparecer en fotos e prensa a diario, debería ter un mínimo de dignidade e reunirse coas persoas afectadas. Pero non para cubrir expediente e sacar a foto, senón para garantir unha solución á situación na que levan case catro meses”, conclúen.