Foz, 16 de novembro de 2017. O Concello de Foz ven de comezar as obras de asfaltado dos viarios e aparcamentos da urbanización As Lagoas, coñecida popularmente como As Torres. O orzamento destas obras é de 80.000 euros e ademais estase a elaborar o anteproxecto para remodelar as pistas polideportivas que hai nese lugar.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “durante esta semana estase procedendo ás obras de asfaltado da urbanización As Lagoas, coñecida en Foz como As Torres. É unha urbanización onde vive moita xente do noso concello e que non estaba en bo estado, pois o firme levaba moitísimos anos sen reparar. Decidimos no seu momento incluír este investimento como un dos prioritarios do plan Único, que financia a Deputación de Lugo”.
Javier Castiñeira salienta que “son máis de 80.000 euros de orzamento e no día de hoxe estase a realizar pola empresa Construcciones Calferlo. En total son máis de 8.000 metros cadrados de asfaltado, que engloba o que é o viario máis toda a zona de aparcamento que hai na urbanización. Vaise facer en dúas fases, a primeira quedará feita xa no día de hoxe, pero como coinciden as obras do gas que se está poñendo no noso concello imos esperar a que rematen esa instalación nesta urbanización e despois facer o asfaltado definitivo. Cremos que en poucas semanas poderemos ter a obra xa terminada”.
Ademais o rexedor municipal anunciou que “o Concello está valorando seguir coa mellora desta urbanización, na que reside moitísima xente do noso concello. O próximo obxectivo é a reparación das zonas deportivas e quero informar a todos os veciños que se está elaborando un anteproxecto para facer a reconversión desas dúas pistas que hai aí, unha de tenis e a outra polideportiva, que se atopan en moi mal estado, e tratar de reconvertelas en dúas pistas máis modernas. Esperemos que durante o exercicio do 2018 o Concello poida buscar financiamento en diferentes liñas para que esta obra poida ser tamén unha realidade durante o ano que vén”.
O alcalde subliña que “son boas novas para os veciños das Torres e tamén para moita xente que ten aí a súa segunda residencia; e dende logo eran ben necesarias pois recoñecemos que non se atopaban no mellor dos estados que se merecen os veciños do noso concello”.
