Lugo, 3 de novembro de 2017. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, mantiveron este venres un encontro con usuarios da Federación de Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), na súa delegación de Lugo. Fixérono para coñecer de primeira man os resultados do programa de intermediación laboral que ten en marcha este colectivo grazas ao apoio económico da Deputación. Este supuxo que 230 lucenses con enfermidades mentais se insertaran no mercado laboral. No encontro tamén participaron o Presidente de FEAFES, Xosé Ramón Girón García, o Vicepresidente, Manuel Fernández Prado, o Director da Asociación, Antonio Hernández Fernández e a Responsable da Delegación de Lugo, Nuria Fernández Castiñeira.
Dende o ano 2009 e ata o 2016, o Goberno da Deputación destinou máis de 175.000 euros á posta en marcha deste servizo, conseguindo unha inserción laboral de persoas con enfermidades mentais do 66%. Durante estes oito anos, subscribíronse un total de 348 contratos, dos que 230 remataron coa inserción dos traballadores nas diferentes empresas participantes no programa de Emprego de FEAFES.
Santos Ramos lembrou que “na presente anualidade, o Goberno da Deputación duplicou a achega para esta asociación, investindo 30.000 euros para este programa, co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas con enfermidade mental, pois o desemprego e a marxinación do mundo laboral representa unha das máis importantes desvantaxes sociais que sofre este colectivo”.
Unha das accións máis destacadas do servizo de intermediación laboral é a sensibilización do sector empresarial sobre a contratación de persoas con este tipo de doenzas. Os orientadores da Asociación ofrecen aos empresarios información sobre os incentivos, bonificacións ou deducións fiscais ás que poidan ter dereito, así como información e apoio para facilitar a adaptación inicial e o mantemento das persoas con enfermidade mental no posto de traballo.
López Izquierdo engadiu que “para facilitar o acceso das persoas con este tipo de doenza ao mundo laboral é preciso detectar e crear novas posibilidades no mercado, tendo en conta o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades de traballo e produtivas das persoas con este tipo de doenzas”.
Na actualidade, hai 334 persoas con enfermidade mental inscritas como demandantes de emprego na provincia de Lugo, producíndose un incremento de 33 usuarios no ano 2016 e 10 usuarios nos cinco primeiros meses de 2017. A idade dos destinatarios está entre os 18 e 65 anos.
Tras visitar a delegación de FEAFES en Lugo, Santos Ramos, López Izquierdo e González Abelleira desprazáronse ata as instalacións de Urbaser, unha das empresas que participaron no programa de Emprego da Asociación, para manter un encontro cun traballador que accedeu ao posto grazas ao servizo de intermediación laboral financiado polo Goberno da Deputación.
Servizo de Emprego e Formación
O servizo de Emprego e Formación de FEAFES Galicia conta na actualidade con 10 orientadores que atenden a unha bolsa de aproximadamente 2.780 demandantes de emprego. Os destinatarios do programa de intermediación laboral son as persoas con enfermidade mental que se atopan en situación de desemprego e, de forma indirecta, as súas familias, xa que cando unha persoa con discapacidade empeza a traballar, deixa de ser dependente da súa familia.
Perfil dos usuarios
Os usuarios do servizo de inserción laboral son as persoas con enfermidade mental de Galicia que se atopan en situación de desemprego. Este colectivo sofre especiais dificultades para a súa inserción laboral, factores que se poden dividir en tres grandes grupos: dificultades derivadas da propia enfermidade, do prexuízo social e da situación do propio mercado laboral.
O perfil de usuarios do servizo na Delegación de Lugo, ao igual que no resto de provincias, son fundamentalmente persoas con enfermidade mental crónica, preto do cincuenta por cento dos demandantes presentan esquizofrenia. O 60% dos inscritos teñen entre 30 e 50 anos, o seu nivel formativo é baixo, carecen de formación profesional ou se cursaron estudos non exerceron profesionamente.
FEAFES
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en 1995, que agrupa actualmente a 14 asociacións repartidas por toda a xeografía galega. A misión de FEAFES Galicia consiste en mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias, defender os dereitos do colectivo e representar ao movemento asociativo FEAFES no territorio galego, brindando apoio e coordinación ás asociacións que o integran.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



