Barreiros, 2 de novembro de 2017.- O deputado autonómico e vicepresidente da Comisión Sétima de Agricultura, Gandeiría e Forestal do Parlamento Galego, Daniel Vega, asegura que os orzamentos da Xunta de Galicia, e concretamente as contas do departamento de Medio Rural para 2018, contribuirán “a facer máis rendible” o sector agrogandeiro na comarca da Mariña, xa que “estamos ante unhas contas expansivas, que incrementan en contía respecto a pasadas anualidades e que permitirán desenvolver o rural dende todos os ámbitos”.
O deputado autonómico fixo este balance durante a visita que fixo esta mañá a unha explotación produtora de leite na parroquia de Cabarcos en Barreiros, concretamente a Casa de Polo SC, e durante a que estivo acompañado do deputado nacional, Jaime de Olano, e do alcalde da localidade, Alfonso Fuente.
Trala visita, Vega asegura que ”tomamos nota das distintas propostas que nos trasladaron e con poder en Galicia e no Estado, seguiremos tomando decisións”. Para o popular, “o Goberno galego tomou decisións moi correctas para seguir apostando polo sector primario e para defender o sector lácteo e vamos seguir apostando polos plans de incorporación ao sector gandeiro; seguiremos apostando e dotando economicamente plans de mellora e imos estar pegados á realidade do sector lácteo”, precisou Vega, quen engadiu que “sen triunfalismos e con toda a humildade, a realidade é que o sector mellorou, tomou decisións que se traduciron en beneficios e a administración autonómica estivo, está e estará do lado do sector gandeiro”. “Debemos apostar polo rural” e para iso, entre outra medidas “temos que seguir tomando decisións no eido na reorganización do territorio”, engadiu.
Polo tanto, o deputado autonómico fixo balance do momento que empeza a vivir o lácteo e asegura que este ano está a ser o despegue deste sector, primeiro co asentamento e posterior incremento do prezo, así como polo interese que esperta na industria, facendo referencia á que está destinada a ser a maior empresa láctea de transformación en Europa en volume de leite procesado, e cuxas obras de instalación xa empezaron en Curtis.
Orzamentos de Medio Rural
No que respecta ás contas de Medio Rural para o vindeiro ano, Vega precisou que os case 500 millóns de euros (495.473.742 euros), dos que disporá o departamento autonómico para o próximo ano, supoñen un incremento do 4% respecto ao presente exercicio; dun 7% se “facemos a comparativa con 2016 e dun 11% en relación a 2015”. Polo tanto, “estamos ante unhas contas expansivas que influirán en todos os ámbitos do rural”.
O popular citou, entre as axudas que promove o Goberno galego, ás da modernización, que medran nun 30%; así como ás da incorporación de mozos ao rural e ás dirixidas ás pequenas empresas; facendo unha especial mención ás destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, que se incrementan este ano nun 40%, chegando case a 30 millóns de euros.
Incorporación dos mozos á actividade agraria
Os deputados autonómico e nacional tamén resaltaron o compromiso dos Gobernos do PP á hora de impulsar subvencións que pretenden dinamizar a actividade económica á vez que fixar poboación nova nas aldeas galegas. Tanto é así que Lugo foi a provincia galega máis beneficiada en 2016 destas axudas, dirixidas a mozos e mozas para establecerse como titulares de explotacións agrarias.
En concreto, Daniel Vega falou de datos históricos no que respecta tanto a contías como a expedientes aprobados, ata o punto de que se concedeu o maior importe destas subvencións dende o ano 1999. No conxunto da provincia, en 2016, a Xunta favoreceu en total a incorporación de 268 persoas menores de 40 anos á actividade agraria, é dicir, “estamos a falar dun 43,79% dos beneficiarios”, e distribuíu 9.821.500 euros en subvencións no rural lucense, o que supuxo que Lugo recibiu o 40% das axudas concedidas. Do total dos beneficiarios, 112 foron mulleres (42%) e 156 homes (58%).
Ademais, no que respecta a datos na comarca da Mariña, a Xunta destinou no último ano 2016, 579.000 euros a axudar a 19 mozos da zona para establecerse como titulares de explotacións agrarias. Polo tanto, a Xunta está a traballar para dotar á mocidade de ferramentas e de apoios que garantan o futuro do medio. Esta liña de subvencións do Programa de Desenvolvemento Rural, xunta a dos plans de mellora e de creación de pequenas explotacións, ten por obxectivo asegurar a competitividade e continuidade do tecido agrario, favorecendo o relevo xeracional e incrementado o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.
Nova reunión
Esta visita enmárcase dentro da rolda de contactos que os deputados autonómico e nacional están a manter cos distintos sectores produtivos e axentes económicos da Mariña co obxecto de escoitar as súas propostas e trasladalas aos respectivos gobernos, tanto ao executivo galego coma ao nacional. Así, durante a tarde de hoxe, concretamente ás 19:30 horas, Daniel Vega e Jaime de Olano, manterán unha reunión coa ACIA de Foz.

















O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.



