Burela 30-11-17. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo organizou este xoves 30 de novembro unha xornada sobre xestión pesqueira sustentable dirixida a todos os seus socios. O evento, que se presentaba baixo o título de “A importancia do control das cotas”, congregou no salón de plenos de Armadores de Burela a uns 30 socios tanto da OPP como de Absa.
A primeira presentación correu a cargo de Juan Manuel Elices, Xefe de Área da Subdirección Xeral de Control e Inspección da Secretaría Xeral de Pesca, que falou sobre o funcionamento e previsión de implantación da aplicación informática Gestcuotas.
Esta aplicación está pensada para que as asociacións pesqueiras (OPPs) poidan xestionar de forma adecuada as cotas de especies en xestión conxunta (flotas do cerco para xurelo ou xarda, que aínda que son cotas individuais, pódense xestionar de forma conxunta) ou consultar os stocks en xestión conxunta por unha modalidade de pesca ou mesmo entre varias (raia, ollomol, bonito do norte, anchoa, atún vermello), información que ata agora non estaba dispoñible para o sector pesqueiro, o que provocou queixas do sector ante peches de pesqueiras ao descoñecer o nivel de consumos.
Os principais problemas na xestión pesqueira actual dos que xorde a necesidade desta ferramenta son:
• discrepancia entre os datos de declaracións desembarque (datos enviados polo sector) e as notas de venda (proveñen de barcos de menos 10 metros ou das lonxas a través das CCAA)
• atraso na recepción de todas as declaracións en papel, cun atraso medio de 1,17 meses en 2016
• periodicidade na recepción de eses datos.
A entrada en funcionamento desta ferramenta está prevista para o 1 de xaneiro de 2018. É un tema xa tratado e acordado coas CCAA para que, a partir do próximo mes de xaneiro, a recepción dos datos serán en “tempo real”, polo que prevén baixar o atraso na recepción dos datos a só 24 horas. Ademais, para evitar sobrepescas, deseñaron un algoritmo corrector para aplicar sobre o nivel de capturas e poder anticipar o volume consumido de cada especie.
Pola súa banda, Pablo Lafuente, socio da consultora Inxenia, que desenvolveu un software para o control das cotas individuais, defendeu a xestión de datos de capturas para un mellor control.
Esta ferramenta informática (DEO ou diario electrónico para organizacións) xorde da necesidade manifestada desde distintas OPPs de España para levar un control adecuado dos consumos individuais de cota polos propios armadores, así como para un coñecemento da evolución das cotas dispoñibles a partir dos intercambios xerados ao longo dun exercicio.
Segundo Lafuente, as vantaxes deste programa son:
• evita erros manuais na transmisión de datos, xa que non é necesario repicar os datos manualmente de novo ao ser un lector das declaracións efectuadas a través do DEA (diario electrónico que as embarcacións fan diariamente á SEGEPESCA)
• os sistemas de seguridade no almacenamento dos datos, pois están encriptados e son imposibles de descifrar
• a continua actualización do programa, en paralelo ás distintas versións públicas do DEA.
Esta xornada inclúese dentro do Plan de Produción e Comercialización da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e ía dirixida a tódolos socios tanto da OPP-7 como de Absa, que tamén colaborou na organización desta cita, que espertou moito interese entre os armadores, que aproveitaron a sesión para presentar grande número de consultas e preguntas.
