Mondoñedo, 1 de novembro de 2017. Mondoñedo celebra mañá un acto con motivo do recente nomeamento da Semana Santa como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha Semana Santa “singular e moi antiga”, organizada anualmente pola Venerable Orde Terceira e coa que colabora o Concello de Mondoñedo ademais doutras entidades locais e de moitos veciños.
Dende o Concello de Mondoñedo, que recibiron con enorme satisfacción a aprobación da distinción da Semana Santa e do Mercado Medieval como Festas de Interese Turístico de Galicia, sempre precisaron que se trata dun nomeamento gañado “por todos os mindonienses que se implican de xeito moi especial na organización destas dúas citas”.
Así, o acto de celebración, ao que dende o Goberno local, convidan a participar a todos os veciños, celebrarase mañá a partir das 21.00 horas na Casa da Xuventude da localidade. Nel intervirán a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, xunto ao presidente do Cabildo Catedralicio, Pedro Díaz Fernández; e ao presidente da Venerable Orde Terceira, José Ramón Montenegro Espina.
Durante o acto, proxectarase un vídeo no que se recollerán as características dunha Semana Santa que destaca pola súa “singularidade, ademais de que ofrece aspectos de gran beleza, como son a celebración do Vía Crucis cara o Mosteiro dos Picos xunto a unhas procesións moi participativas e recollidas, nas que destacan pezas pola súa antigüidade como unha Cruz do século XII e mesmo tallas do século XVII e XVIII”.
A Semana Santa mindoniense viviu unha importante revitalización nos últimos 45 anos, xa que con anterioridade as procesións eran máis escasas. Dende aquela as melloras foron constantes, entre as que se poden citar, por exemplo, a inclusión de hábitos, ademais que de xeito paulatino fóronse engadindo novas procesións e impulsando outras ata dar lugar ás que se celebran actualmente. Ademais, na Semana Santa de Mondoñedo encaixa a liturxia e a procesión e conta cun carácter extraordinario motivado polas celebracións na Catedral, o corazón de Mondoñedo.