Burela, 30 de Novembro de 2017. O grupo municipal do BNG presentou no pleno celebrado este xoves 30 de Novembro unha moción referente á elaboración dun Plan de Mobilidade e Seguridade Viaria, na que se insta ó goberno local a consignar partidas orzamentarias para desenvolver dito plan. “As obras que se teñen realizado ata o de agora, algunhas moi necesarias e outras non tanto, non responden a un plan ou a un modelo para a vila e o aprobeitamento dos espazos públicos da vila” sinalou o voceiro do BNG, Mario Pillado.
Os nacionalistas pretenden que esa planificación sexa froito dun estudo das necesidades de cada un dos barrios de Burela, no que se mellore o estado das rúas e beirarrúas, que se adecúe á normativa vixente de accesibilidade para persoas de mobilidade reducida e que preste especial atención na seguridade viaria, con medidas tales como pasos de peóns elevados, sinalización lumínica ou velocidade limitada a 30 km/h en certos lugares. “En canto á peonalización de espazos e rúas a posición do bloque é sobradamente coñecida, hai exemplos na nosa comarca e en toda Galiza para ilustrar este feito, como poden ser Ribadeo ou Pontevedra. Pero non se trata de plaxiar nada senón de adaptar a realidade física da nosa vila ás necesidades da veciñanza e deben ser os expertos os que tomen as decisións de qué lugares se converten en peonís e cales non” apuntou Pillado acerca dunha das grandes incógnitas que deixou o goberno local nos últimos tempos.
O BNG non entra en liortas e pide solucións para as taxas que pagan os veciños.
A meirande parte dos puntos da orde do día estaban relacionados coa aplicación do IPC a taxas tales como a da recollida e xestión do lixo, a da distribución de auga e a do servizo de sumidoiro. Neste ámbito PP e PSOE son protagonistas da nefasta xestión dos servizos básicos, posto que en Burela págase a auga e o lixo mais caros de Galiza. “É unha liorta típica do bipartidismo, que agocha a incapacidade na xestión de ambos bandos o que nos leva a ter servizos básicos externalizados que se traducen nuns prezos abusivos para o conxunto da veciñanza. Do mesmo xeito que o ano pasado baixaron as taxas porque así o fixo o IPC, este ano poden voltar a subir, pero dende o goberno municipal non se realiza xestión algunha para mudar esta situación que están a pagar as burelás e os burelaos” espetou Mario Pillado.
Os nacionalistas tamén se interesaron pola situación do profesorado na Escola de Música e pola situación do servizo de pediatría no Centro de Saúde, actualmente en cadro.