Cervo, 08 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo vai acometer unha actuación integral nos vindeiros meses no Camiño da Fonte de San Roque, no núcleo de Cervo.
Ata alí se desprazaron no día de hoxe o rexedor, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, e o de Obras, Plácido Pérez, co fin de ver in situ o proxecto que se vai levar a cabo e que está orzamentado en algo máis de 117.000 euros.
O rexedor explicou que o proxecto foi encargado prioritariamente para renovar a rede de sumidoiros que hai na zona, que está deteriorada e que é moi antiga; “e ao mesmo tempo imos aproveitar para independizar as dúas redes, a de residuais e a de pluviais”.
Villares apuntou que a maiores tamén melloraremos o alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada e renovaremos a pavimentación da contorna; sempre respectando a imaxe senlleira do lugar, pero facilitando o transito aos viandantes e reducindo a pendente en tramos como o que une a Igrexa coa Fonte de San Roque “co obxectivo de humanizar toda unha zona moi simbólica e emblemática do núcleo de Cervo, e moi transitada polos veciños”.
O alcalde apuntou que é unha actuación prioritaria que imos levar a cabo nos vindeiros meses.
