Burela, 24 de febreiro de 2018. A Concellería de Obras anunciou que estes días están a rematar as obras de mellora de accesibilidade en varias beirarrúas do centro da vila. O investimento superou os 23.000 euros.
O concelleiro Ramiro Fernández Rey explicou que “estes días están a piques de rematar unhas obras de mellora que tíñamos grazas ao plan único da Deputación en canto á accesibilidade nas beirarrúas de Burela”.
O edil burelés subliñou que “fixemos un total de corenta actuacións en todo o centro urbano de Burela para adaptar á normativa vixente todos os pasos de peóns e todos os accesos para xente con máis problemas de mobilidade. Temos xa practicamente todo rematado, ao longo destes días rematarán a totalidade destas obras”.
Fernández Rey dixo que “é unha obra coa que o equipo de goberno quere beneficiar á xente que máis o necesita, neste caso á xente que ten dificultades para poder moverse polo pobo”.
O concelleiro de Obras engadiu que “esta obra ascendeu a máis de 23.000 euros, e imos intentar seguir actuando no resto do pobo para facilitarlle a vida a xente que ten que moverse e que máis necesidade ten para poder moverse polo pobo sen ningún tipo de dificultade”.