Cervo, 1 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo vén de poñer en funcionamento a sexta depuradora do municipio.
Trátase da depuradora que dá servizo ao Burgo de Trasbar, e ata alí se desprazaron para ver o funcionamento in situ; o rexedor, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, e a pedánea da zona, Marina Díaz.
Villares sinalou que esta nova infraestrutura vén sumarse ás de Figuerido e A Senra, no rural; ás de San Cibrao e Cervo –ecolóxica e de plantas macrofitas-, que dan servizo ás zonas máis urbanas do municipio; e tamén á depuradora que está no Polígono Industrial de Cuíña, que é únicamente de augas pluviais, que tamén son tratadas.
O alcalde destacou que esta nova depuradora é similar á que temos en funcionamento na Senra, de tratamentos físico-biolóxicos; e apuntou que “levamos insvestidos máis de 240.000 euros nos últimos tres anos na rede de saneamento deste Burgo, un servizo que consideramos esencial tamén no rural; e aínda temos a previsión de mobilizar máis fondos para pechar por completo a prestación neste Burgo; xa que a día de hoxe quédanos só o núcleo de Cabanelas descuberto”.
O rexedor puntualizou que “é importante que os veciños saiban en que investimos os seus cartos; porque, aínda que son infraestruturas soterradas, que non se ven, son fundamentais, e aportan ademais ese valor engadido ao rural, “porque a calidade dos servizos que se ofrecen poden ser determinantes e marcar a diferencia para que novas familias se decanten polo noso Concello para asentarse”.
