Lugo, 22 de febreiro de 2018. O Goberno da Deputación recibiu 6.000 solicitudes para optar aos novos postos de traballo do Ben Empregado 4, máis social. Trátanse das peticións realizadas por 2.000 lucenses desempregados interesados nos 186 novos traballos xerados polo Executivo Provincia en todos os sectores. Esta cuarta edición do Ben Empregado está dotada de 2,1 millóns de euros cos que o Goberno da Deputación asume todos os custos laborais durante un ano para a contratación de parados lucenses en empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia.
En concreto, o Executivo Provincial recibiu 5.933 solicitudes de veciños da provincia no paro para concorrer aos postos de traballo do Ben Empregado 4, máis social, das cales 5.887 tramitáronse a través da Axencia de Colocación da Deputación (5.788 de xeito telemático e 99 presencial), o que supón o 99% do total; e 46 nos rexistros provinciais, sendo o 1% restante das solicitudes recibidas.
Finalizado o prazo de inscrición na Axencia de Colocación e contabilizadas as solicitudes entregadas no Rexistro da Deputación e nos das outras administracións, técnicos provinciais están a valorar as solicitudes. Nas vindeiras semanas abrirase un prazo para solucionar posibles requirimentos. Durante o mes de marzo publicaranse en www.deputacionlugo.gal a listaxe de admitidos e excluídos. Transcorridos 10 días hábiles comezará o proceso de selección dos solicitantes aos 186 postos de traballo.
Máis social
O Executivo da Deputación decidiu incluír melloras no Ben Empregado 4 para facelo máis social. Por exemplo, ás empresas ofreceulles unha primeira liña coa que financiarlles ao 100% os custos laborais pola contratación de novos traballadores no caso de seren desempregados lucenses con capacidades diferentes ou de colectivos vulnerables (persoas con problemas físicos ou psíquicos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos, ex-drogodependentes ou persoas de etnia xitana). A segunda liña que lles propuxo consiste no financiamento do 50% dos custos laborais pola contratación de desempregados lucenses en xeral.
Son 19 as empresas que optaron pola primeira liña e que polo tanto recibirán cada unha un máximo de 22.000 euros da Deputación para a contratación de 19 lucenses no paro con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables. 128 decantáronse pola segunda liña e recibirán o 50% da axuda económica da Deputación para a contratación de 128 desempregados lucenses. Aos colectivos sen ánimo de lucro, o Executivo Provincial decidiu ofrecerlles o 90% da axuda económica cos que asumir todos os custos laborais dos novos traballadores co obxectivo de contribuír a súa actividade socias. Son 39 asociacións da provincia as que poderán contratar a 39 lucenses no paro.