Ribadeo, 31 de xaneiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e doutros responsables municipais, trasladáronse de urxencia á praia das Catedrais para supervisar o operativo posto en marcha despois de que unha muller, que visitaba o areal, perdera a súa vida tras ser alcanzada por un desprendemento de pedras.
Ambos mantivéronse en contacto permanente cos servizos de emerxencias dispostos sobre o terreo: protección civil, bombeiros, servizos sanitarios e forenses e cos técnicos encargados do control de acceso ao areal.
Balseiro amosou a súas condolencias á familia e amigos da falecida ante tan tráxico suceso e explicou que o cadáver está a ser trasladado ao Hospital Lucus Agusti (Hula) en Lugo onde a primeira hora da mañá está previsto que se lle practique a autopsia. Desde a administración autonómica e municipal puxeron a disposición da parella da falecida e dos familiares todos os medios precisos tanto para o aloxamento como para continuar prestando apoio psicolóxico.
O acceso á praia de As Catedrais permanecerá pechado durante o día de hoxe e ata as 11 horas de mañá domingo, onde se tomará unha nova decisión.