A paixón de Cristo levaba aparellada consigo o seu calvario.
Primeiro foi o escarnio público, aquela narrativa na que Poncio Pilatos, perfecto da provincia romana de Xudea, daba ao pobo a potestade de indultar.
Había que escoller entre o tal Barrabás e Xesús de Nazaret. O segundo era acusado de blasfemia por facerse chamar “O Mesías”.
O resto da historia xa a coñecen, a vontade soberana fíxose ouvir e logo tocaba impartir xustiza. Xa saben, nada que obxectar ao desexo das masas…
O espectáculo era, daquela, tan imprescindible coma nos tempos de hoxe, polo que ao noso protagonista houbo que azoutalo, pórlle unha coroa de espiñas, colocarlle uns cravos nas súas extremidades e colgalo dunha cruz. Enriba levaba un cartaz que poñía: “Xesús de Nazaret, rei dos xudeus.”
E como era “vontade maioritaria” había que foderse -vanme permitir neste caso o exabrupto pero como xa saben a cousa non estaba para tibiezas-. Xesús era un bo tipo que tivo a mala sorte de coexistir coa “democracia” do seu tempo, aquela dos príncipes dos sacerdotes.
E como coas augas revoltas alguén sempre pesca, Xudas Iscariote cobrou 30 pezas de prata por facer a súa parte.
No estado español o último axustizamento levouse a cabo o 2 de marzo de 1974. Salvador Puig Antich pasou a madrugada da data sinalada na celda 443 do cárcere Modelo de Barcelona, baixou ás 9:20 co verdugo titular da Audiencia de Madrid e executouse mediante garrote vil.
Certo é que o asasinato de Puig Antich non suscitou tanta unanimidade: había xente nas rúas, peticións do Papa ou de Olof Palme, pero o caprichoso destino quixo que ditas chamadas non foran atendidas no Pardo “porque o xeneralísimo estaba durmindo.”
O xulgamento do anarquista catalán foi levado a cabo por un cauce procesual sumario do que coñeceu un Consello de Guerra. Oficialmente o último castigado á pena capital polo estado.
Ano 2018 e a España pos moderna segue a facerse vellas preguntas: se hai que fixar cadeas perpetuas, se o cumprimento da legalidade debe prevalecer sobre a lexitimidade, se é necesario incrementar a coacción institucional, se é mellor prescindir das presuncións de bondade e inocencia….
Xa que estamos no tempo da Pascua quixera reivindicar o valor superior da doutrina cristián: o perdón e a redención; incluso a daqueles que menos a poidan merecer -calquera pode transixir ante o “perdoable”, o difícil está en facelo con aquelo que nunca poderemos entender-.
Porque, chegados a este cruce de camiños, só hai dúas vías, unha que pasa por confiar na xente e outra por defendernos provisionalmente. A segunda pode volver a facernos crucificar a Xesús de Nazaret. Neste caso só cabería desexar unha extinción rápida, rematar dunha vez para, a lo menos, aforrar o calvario.