Lugo, 27 de marzo de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, supervisaron este martes o resultado dos traballos de renovación integral de dúas rúas fundamentais para dito concello mariñán: a rúa Lodeiro, no núcleo urbano de Viveiro, e a rúa Rego da Fonte, no núcleo de Celeiro. Son actuacións ás que Deputación e Concello achegan uns 356.000 euros. Trátase de dúas zonas de vital importancia para ambos os núcleos xa que as dúas vías, ademais de contar cun amplo catálogo de servizos, son eixo vertebrador de ditos núcleos.
Campos Conde destacou que “estes son traballos dos que se beneficiarán o conxunto dos veciños do Concello, tanto do núcleo urbano do municipio, como os de Celeiro, e cos que dende o Goberno da Deputación reivindicamos uns bos servizos públicos para mellorar a calidade de vida dos veciños. Son actuacións coas que renovamos dotacións públicas esenciais, que supoñen un grande impacto no día a día das persoas”.
Loureiro García agradeceu a “constante colaboración do organismo provincial cos Concellos da provincia, especialmente co de Viveiro, traendo importantes investimentos para realizar melloras que non poderíamos levar a cabo dende o Concello”.
Renovación integral con 356.000 euros
O Goberno da Deputación mellorou con 169.400 euros a rúa Lodeiro por tratarse dunha céntrica vía que rexistra moito tránsito, pois nela sitúanse servizos públicos fundamentais como o centro de saúde e PAC, que atende aos máis de 18.000 veciños de Viveiro, Ourol e O Vicedo; a oficina de Correos referencial para os cidadáns de Viveiro, Ourol, O Vicedo e Xove; a gardería municipal que acolle a uns 100 nenos, así como ducias establecementos comerciais e hostaleiros, ademais de vivendas.
Os traballos, xa rematados, consisten na pavimentación integral dos preto de 400 metros da vía cunha capa de 6 centímetros de rego asfáltico en quente; a dotación de novas beirarrúas e remodelación das existentes con baldosas de pizarra negra e granito gris; a substitución do alumeado público con luminarias de 5 metros de altura e de baixo consumo que permitirán un aforro económico ao Consistorio; a mellora e conexión dos servizos de saneamento pluviais e fecais existentes do canellón “Machuco”; o pintado das marcas viais de tráfico e a dotación de novo mobiliario urbano como papeleiras e bancos.
Campos Conde e Loureiro García supervisaron tamén os traballos de mellora que se están a realizar na rúa Rego da Fonde, na parroquia de Celeiro, que contan cun orzamento de 187.500 euros. Trátase dunha das estradas máis importantes da que é a parroquia máis poboada do Concello, con uns 2.000 veciños, e pola que transitan diariamente grande cantidade de peóns.
Os traballos que se están a realizar consisten no cambio do sistema de saneamento e do pavimento, así como na humanización da travesía, con actuacións como a prantación de árbores ou a ampliación das beirarrúas. Estanse a renovar as tubaxes de todo o sistema de saneamento que, debido á súa antigüidade, se rompían e producían cortes de auga e tamén asolagamentos. Deste xeito, Deputación e Concello responden a unha demanda histórica do veciños da zona, dotando á parroquia de Celeiro dun rúa totalmente renovada.