Mondoñedo, 3 de marzo de 2018.- O Concello de Mondoñedo celebrou hoxe os actos de homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro con motivo do aniversario do seu pasamento. No acto fíxose o nomeamento e entrega da distinción de ‘Cunqueiriano Emeritus’ a Darío Villanueva, para quen a rexedora tivo palabras de especial agradecemento. “Para nós é un privilexio contar aquí co director da Real Academia Española”, indicou. A alcaldesa fixo extensible o seu agradecemento a todos e todas os que participaron nos actos de hoxe.
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, explicou na súa intervención que este verán estará moi avanzada a obra e musealización da casa do escritor, que levará por nome ‘Casa Museo Álvaro Cunqueiro’. Ao mesmo tempo, anunciou que o equipo de Goberno vai empezar xa a traballar nos pregos do restaurante que se vai emprazar no edificio para que a súa explotación sexa efectiva no momento da apertura do museo.
A rexedora tamén deu conta da creación por parte do Goberno local dun premio literario, no que convidou a colaborar ao Concello de Vigo, así como ao impulso e reflote da Fundación Álvaro Cunqueiro, accións que, xunto coa musealización da casa do escritor, “serán as pedras angulares para a posta en valor da súa obra”.
O proxecto da Casa Museo
O proxecto consiste na creación dun centro de interpretación denominado ‘Casa Museo Álvaro Cunqueiro’ no edificio de tres andares emprazado no solar número 13 na Praza da Catedral de Mondoñedo.
O centro estará dedicado á figura e máis á obra do escritor mindoniense, quen habitou no edificio nos anos 40 e 50 do século XX e escribiu nel algunhas das súas obras máis importantes, entre elas Merlín e Familia (1955).
A rexedora explicou que con este proxecto o Concello se marca varios obxectivos. Un deles, dar a coñecer ao público visitante a figura e a obra literaria de Cunqueiro dun xeito rigoroso e adaptado aos diferentes segmentos que compoñan o público: veciños, estudantes, peregrinos, turistas ou ‘fans’ do escritor.
A labor do equipo de Goberno non pode esquecer outros obxectivos, fundamentais igualmente nun proxecto deste tipo. Así, Candia referiuse ao que di o artigo 3 da Declaración Universal da UNESCO sobre a diversidade cultural : “a diversidade cultural amplía as posibilidades de elección que se brindan a todos; é unha das fontes de desenvolvemento, non só en termos de crecemento económico, senón tamén como medio de acceso a unha existencia intelectual, afectiva, moral e espiritual satisfactoria”. Así que, cando unha institución como o Concello de Mondoñedo aborda un proxecto cultural deste tipo “o compromiso cos cidadáns, veciños e forasteiros ten que dar respostas en moitos ámbitos: no campo cultural, no campo económico, no eido espiritual”, precisou.
“A nosa tarefa polo tanto é polivalente, de xeito que a Casa Museo Álvaro Cunqueiro contribúa a enriquecer a vida social e cultural dos veciños de Mondoñedo, creando un punto de actividades múltiples arredor da figura e o mundo do escritor”, abundou Candia.
Desde o Concello explican que contribuír ao desenvolvemento turístico é facelo tamén no eido económico, xa que o chamado turismo literario, amén dos seus beneficios intanxibles, vai sempre acompañado dunha repercusión positiva na economía da zona.Unha iniciativa cultural deste tipo pode, perfectamente, atender a estes tres eixos, “e sobre eles construiremos o discurso expositivo e deseñaremos os espazos e os contidos da Casa Museo Álvaro Cunqueiro”, citou.
Unha Casa Museo pensada para todos
Desde o Goberno local consideran que Cunqueiro e a súa obra deben encadrarse, naturalmente, dentro do panteón da literatura galega, pero a súa talla literaria desborda calquera intento por acoutar a súa figura a un espazo ou tempos determinados. Así, o público potencial da Casa Museo Álvaro Cunqueiro ten que percibir ao longo da visita esa rica dualidade dun escritor que inscribe o seu nome tanto na literatura da súa terra natal , como na literatura europea e iberoamericana. A Casa Museo estará pensada para todos eles, con independencia de onde veñan.
O discurso expositivo terá en conta esa dualidade; o local; máis próximo, e o universal que nos ofrece Cunqueiro. Tanto o público galego como o español ou estranxeiro atoparán claves para encadrar a súa figura no lugar que lle corresponde dentro das letras contemporáneas. O terceiro dos obxectivos, explicou a rexedora, e non por iso menos importante, é dinamizar as actividades e manifestacións culturais mindonienses e acoller e atraer aos veciños e veciñas ás mesmas, especialmente nos meses invernais, en que a presenza de turistas e peregrinos é menor, polo que a Casa Museo seguirá tendo vida arredor de si.