Lugo, 27 de marzo de 2018.- O Grupo Provincial do Partido Popular pídelle á Deputación de Lugo “que remate cos parches” e defina o modelo a aplicar nos concellos para a recollida de cans abandonados. O PP conseguiu sacar adiante a moción na que piden que a ubicación da canceira de Sarria non sexa O Mazadoiro, tal e como reclaman os veciños.
O deputado José Antonio García acusou ao Goberno da Deputación de non ter proxecto para os animais abandonados para a provincia e de non defender a autonomía local, posto que en Sarria o Concello xa se posicionou. “Indefinición absoluta e absoluta incoherencia que teñen como socios de Goberno en Sarria e seguen tendo na Deputación”, explicou.
O deputado díxolle ao BNG que lles importa máis “seguir no Goberno que defender aos veciños de Sarria”, posto que ao día seguinte de que Ferreiro visitara a localidade os nacionalistas locais votaron en contra do que hoxe defenderon no Pleno da Deputación. “Votaron en contra dos concellos e o proxecto dos veciños sigue aí e tiveron que metelo no xulgado. Estamos en todas partes igual cos seus gobernos”, incidiu.
O popular considera necesario reformar o convenio de Sarria, que non resolve o problema porque a alcaldesa de Sarria anunciou unha canceira que custaba 240.000 euros, logo dixo que había 170.000 euros e o proxecto é de 100.000 euros para 70 cans. “Ao día seguinte Sarria non tería servizo polo que non hai ningunha programación e debe facerse a nivel provincial”, defendeu.
Desde o PP lamentan que non haxa estudos do que custa a xestión das canceiras. “Non saben cantos cans hai abandonados nin cantos vai haber nos próximos anos, non fixeron nada, só saben se apoiar ou non o convenio de Sarria que ían arranxar e intermediar e nada fixeron. Agardo que hoxe quede isto resolto e non se volva falar da canceira do Mazadoiro. Se queren atender a este problema dos concellos que atendan en serio e non anden con parches”, precisou o deputado.
Incoherencia do BNG
Os populares consideran “rocambolesco” que o BNG trouxera esta moción ao Pleno despois de apoiar a súa ubicación no Mazadoiro. “Trasladar ao BNG a nosa felicitación por traer esta moción igual que anunciamos nós no seu momento porque nos ten que unir salvar a decisión abusiva e inxustificada de ubicar a canceira para 70 animais, que terá que ser ampliada porque hai estudos que así o indican, nun barrio tranquilo”.
O deputado do PP chamou a atención sobre a incoherencia dos nacionalistas, que traen unha moción ao Pleno cando o proxecto que se aprobou no Concello recibiu o apoio do PSOE e tamén do BNG de Sarria.
“En xaneiro do 2018 aprobase ese proxecto no Concello de Sarria cos votos do PSOE e do BNG e empezan os veciños a pelexar polos seus dereitos en contra do abuso da decisión do Concello. Logo media o presidente Campos, algo que agradecemos, aínda que non pasara polo barrio do Mazadoiro. En febreiro volve ir ao pleno esta moción e cambia o voto e todos votamos a favor de cambiar a ubicación. Pero non está resolto porque a alcaldesa ameaza e di que se fará se paga a Deputación e lle dan un terreo. Aínda non sabemos o que vai custar esa instalación nin manter aos animais”, abunda o deputado.
“Un pouco máis de humildade e non lle boten só a culpa á alcaldesa, porque vostedes son moi responsables disto”, concluíu.