A Mariña 30-4-18. Este luns 30 de abril de 2018 é a data sinalada para a desaparición oficial da Área Sanitaria da Mariña.
Desde o Grupo Coordinador Comarcal de En Marea queremos lembrar á nosa veciñanza que -como xa vemos recentemente na recuperación para o público de hospitais na Comunidade de Valencia- estas decisións
non son irreversibles. A maioría defendemos a xestión da saúde en proximidade, e desde hoxe seguiremos a
traballar no seo da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública co resto de asociacións e partidos políticos pola recuperación da nosa Área Sanitaria.
Coa supresión de 3 das áreas o PP da o paso que non se atreveu cando se crearon as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada, adaptando o mapa sanitario para convertelas nas novas áreas sanitarias. A configuración anterior, con 11 áreas de diferente tamaño e os hospitais comarcais como referencia, facilitaba a equidade no acceso aos servizos sanitarios. O novo mapa adopta a distribución provincial para Lugo e Ourense, sen ter en conta as singulares necesidades de planificación dos recursos de cada comarca, e centraliza a toma de decisións, impedindo a parte importante da cidadanía participar na distribución territorial dos seus recursos.
Desde En Marea na Mariña entendemos que cómpre manter viva a loita pola recuperación da Área Sanitaria,
pero imos máis aló, pois non foi esa a única das modificacións da Lei de Saúde que nos afectan de xeito
directo: queremos incorporar á nosa reclamación a modificación doutros tres aspectos esenciais, os referidos
ó tratamento dos determinantes da saúde, da participación cidadá e da investigación médica.
De acordo cos estudos da OMS, son as condicións socioeconómicas, culturais e ambientais as que en maior
medida condicionan a saúde das persoas e deben ser obxectivo prioritario das políticas de saúde. A educación infantil, a publicidade -que tanto inflúe nos hábitos de consumo-, a produción, mercado e industria da alimentación, a contaminación do ar e da auga, a seguridade e saúde no posto de traballo, as desigualdades sociais fame, pobreza enerxética-, as insuficientes políticas de protección e integración social, condicionan de xeito dramático a calidade de vida, benestar e saúde da cidadanía. A pesar diso foron deixadas historicamente nun segundo plano na política sanitaria.
O que ninguén se atreveu -até agora- foi eliminar toda mención a elas nunha Lei de Saúde, cousa que si fixo nesta reforma o Partido Popular de Galicia. Dese xeito, en adiante os recursos adicados á “prevención” non irán xa a promover unha boa alimentación, máis exercicio ou unha “vida boa”, senón a mercar vacinas, aparatos para facer mamografías ou materiais para o cribado do cancro colo-rectal. A razón é evidente: mellorar a saúde non interesa se non é creando negocio para a empresa privada. Sen promover hábitos saudables nin coidar da calidade ambiental aseguramos a enfermidade, e reducindo o persoal da sanidade pública aseguramos que esta non dea feito. Asi, os cartos públicos derívanse a dispositivos asistenciais privados. Asemade, xa que hai máis negocio canta máis tecnoloxía se use, o importante está na atención hospitalaria, polo que interesa tamén que os médicos de familia non teñan tempo para promover bos hábitos de saúde. O negocio está na enfermidade, non na saúde.
A participación social, outra eiva da sanidade pública que precisa ser corrixida, foi empeorada coa reforma.
Desde plataformas como SOS Sanidade Pública, véuse solicitando reiteradamente a convocatoria dos
órganos de participación social sen ter resposta das administracións. Semella probable que agora, tralo
recurte das súas funcións para impedir unha verdadeira actividade de control, si sexan convocados,
confirmando o carácter propagandístico e ritual que se quere atribuír a estes novos órganos de participación.
Finalmente, a nova Lei supón consolidar a tendencia privatizadora tamén na investigación e a xestión do
coñecemento. O capítulo adicado á investigación evita falar das prioridades marcadas polo Plan galego de
I+D+i e introduce unha referencia ás prioridades marcadas polos plans de investigación “vixentes en cada
momento”, sen aclarar que plans e que papel xogan neles a sanidade pública e a industria privada,
pretendendo lexitimar o modelo privatizador posto en marcha coa creación da Axencia galega para a xestión
do coñecemento en saúde.
A nova norma fai uso da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da
administración pública autonómica, coñecida como Lei de creación de “chiringuitos”, para consolidar a
aposta pola Axencia galega do coñecemento. O propio Consello de Contas recolle nun informe que as
axencias creadas ó amparo da Lei 16/2010 foron usadas para transferir á empresa privada competencias do
sector público, e incorporar cargos de libre designación sen a condición de traballadores públicos.
En definitiva, desde o grupo de En Marea na Mariña entendemos que se ben hoxe o poder está nas mans de
Feijoo, cara ó futuro segue nas mans da cidadanía. Cunha maioría social a prol de conquerir unha sanidade
pública abonda, gratuíta e de calidade, non temos dúbida que recuperaremos a nosa Área Sanitaria, mais
mellorada cara á participación, con competencias para a investigación e centrada tamén na educación para a saúde desde unha atención primaria reforzada.
Coordinadora Comarcal de En Marea na Mariña.



















A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



