Cervo, 12 de abril de 2018. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Obras, Plácido Pérez, desprazáronse esta mañá ata o centro de Cervo, para ver in situ o proxecto de mellora que se vai levar a cabo proximamente na Praza do Souto e na Rúa da Aldea.
O rexedor apuntou que se van mobilizar 289.250 euros de fondos municipais procedentes do superávit do ano anterior para executar unha obra integral que ten como obxectivo “mellorar, embelecer e facer máis confortable esta zona situada no centro neurálxico de Cervo, tan frecuentada polos veciños do núcleo, que de por si ten moitísimo encanto; que se verá reforzado con esta nova actuación”.
Villares desagregou polo miúdo o proxecto que consistirá na renovación do pavimento, creando no caso da Rúa da Aldea espazos diferenciados para os peóns e o tráfico rodado; renovarase a rede de sumidoiros, independizando a recollida de augas residuais e pluviais. Ademais, tamén se renovará a rede de abastecemento de auga, e melloraranse as redes de alumeado público, de telefonía, e de suministro eléctrico, substituíndo o tendido aéreo en superficie por unha canalización soterrada. Tamén se instalará, así mesmo, novo mobiliario urbano e incidirase no concepto da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas.
O alcalde comentou que nestes intres estamos levando adiante todos eses trámites administrativos necesarios para poder acometer a obra “que, en todo caso, estará rematada neste ano 2018”.
