Ribadeo, 12 de abril de 2018. Ás sete desta tarde expirou o segundo prazo de presentación de candidaturas para proceder á renovación da xunta directiva de Acisa. E desde a xerencia da asociación confirman que “non se presentou candidatura algunha”. Esta segunda convocatoria electoral acordouse na asemblea extraordinaria de socios celebrada o pasado 19 de marzo.
A xunta directiva en funcións fai un chamamento a todos os asociados e asociadas para que acudan á nova asemblea extraordinaria que se celebrará o vindeiro xoves, 19 de abril, ás 20:30 horas para falar do futuro da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos.
Desde a directiva en funcións subliñan que “nesa xuntanza poñeremos enriba da mesa unha posible solución, que analizaremos ao longo de todos estes días”. E lembran que “levamos xa dúas convocatorias para proceder á renovación desta directiva e consideramos que non é bo que esta situación se prolongue no tempo. É importante que Acisa siga a traballar e sobre todo que non desapareza. Son 29 anos de andaina, de moitos esforzos, xuntanzas, viaxes, de moitos proxectos, campañas, actividades… Acisa debe seguir e para iso precisamos que os seus socios e socias acudan á asemblea extraordinaria prevista para o 19 de abril. Animámolos a tod@s a asistir”.
A directiva en funcións resalta “a importancia que ten un colectivo coma este, como a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, para dinamizar o seu comercio e a súa hostalería, para dinamizar en definitiva Ribadeo e seguir mantendo esta vila coma un auténtico referente en toda esta ampla comarca galega e asturiana na que nos atopamos”.