A Mariña, 11 de maio de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña acordou por unanimidade, no pleno celebrado onte en Riotorto, crear unha xerencia de turismo que se encargue de levar adiante todos os proxectos nesta materia. Na sesión tamén se acordou solicitar unha entrevista co presidente da Xunta ou coa conselleira de Infraestruturas para analizar a situación na que se atopa o tren que atravesa a Mariña pola costa. A Mancomunidade sacará a concurso o Proxecto Catuxa, co que gañou o segundo Premio Coopera hai unhas.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, declarou que “estivemos falando de varias cuestións e unha delas foi a creación da xerencia para que leve temas de turismo. Estamos todo o mundo de acordo en sacar a concurso unha xerencia, e imos facer unhas bases que se están elaborando, a ver se durante este mes de maio ou xuño, para poder contratar un xerente que teña as capacidades suficientes, a experiencia e todo aquilo que corresponde a un bo profesional, para que leve adiante o programa e os proxectos que temos na Mancomunidade como xeodestino. Foi o que se falou para que a xerencia sexa unha realidade se é posible a partires do mes de xullo”.
Llano contou que “tamén estivemos falando de Feve sobre a última reunión da comisión técnica de seguimento que foi en Moeche, e na que quedamos en solicitar unha reunión co presidente da Xunta ou coa responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para motivar que se traballe en mellorar o tren na nosa Mancomunidade. Sería unha petición que favorece ao conxunto das poboacións por onde pasa o tren, dende Ferrol ata onde chegue. A nosoutros o que nos importa é ter ben cuberto as necesidades de servizo público con respecto ao tren na Mariña, e imos facer unha reunión con todos os alcaldes dos concellos polos que pasa o tren. Isto foi aprobado por unanimidade”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “outros puntos da orde do día tiñan que ver con como imos cumprindo cos pagos, e tamén imos sacar a concurso a xestión para que unha empresa leve adiante o proxecto Catuxa do Plan Coopera, co que gañamos o segundo premio cunha dotación de 25.000 euros”.